22/04/12

UN AGASALLO PARA O 23 DE ABRIL... DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Para todos aqueles e aquelas que vos queirades achegar a un texto en galego ben escrito e cunha extraordinaria riqueza léxica, boa técnica narrativa e novela histórica excepcionalmente documentada, velaquí vos queda o comezo do segundo capítulo (páxs. 28-29) da obra Settecento de Marcos Calveiro. Foi publicada pola editorial Xerais en febreiro de 2010, pero onte volveu caer nas miñas mans e creo que é unha boa elección para comezar a semana e celebrarmos o día do libro viaxando á Venecia corrupta do século XVIII pola que transita un Antonio Vivaldi e outros personaxes cuxa intriga nos trasladará a Santiago de Compostela, París e Viena.
II
"Venecia é unha festa. Baixo as brancas máscaras do Entroido, baixo os seus xeados sorrisos de albaialde, non hai vicio nin virtude, nin nobres nin vasalos, nin Demo nin Deus, nin regras nin leis, nin ofensa nin ofendido, nin ricos nin pobres, nin pecado nin penitencia, nin homes nin mulleres, nin crime nin castigo.
Baixo as augas toldadas dos canais, a cidade dos Dogos afúndese, silandeira e decadente, entre os risos e as chanzas das sombras licenciosas que, baixo antefaces, carrapuchas de seda negra, tabardos  e tricornes, escapulen polos campos e calellas na procura dun discreto agocho para os seus apaixonados e, nalgúns casos, prohibidos galanteos.
De pé, os gondoleiros arrolan, coa barcarola das súas compasadas vogas, o romántico paseo dos enmarcarados mecosos, mentres se retan, uns a outros, en amigables retesías e regueifas. Cando un deles cae derrotado perante a facundia dun compañeiro, os demais, para recoñeceren a elocuencia do vencedor, baten coas súas pértegas de faia na tona da auga e zarrapican aos seus acendidos pasaxeiros, que agradecen esta foula inesperada, pois senten os seus corpos inchados polo arreguizo de desexo que os percorre nesta noite estrelada do ano do Noso Señor de 1739.
O Preste Roxo, como todos alcuman ao mestre Vivaldi na cidade, tamén sente o seu corpo inchado, mais polo seu nerviosismo ante a próxima estrea. Feito un bulebule e coa resaca baténdolle nas tempas, alacanca pola platea do teatro de Sant' Angelo, onde dirixe os ensaios da súa nova ópera, Feraspe [...]."

Aproveitaremos este texto para recordar a alternancia vocálica que presenta o presente de indicativo dos verbos que se conxugan seguindo o tipo SENTIR. Vexamos: eu sinto-ti sentes-el/ela/vostede sente-nós sentimos-vós sentides-eles/elas/vostedes senten. Agora só temos que lembrar que os verbos MENTIR, FERIR, SEGUIR, SERVIR e os seus derivados (por exemplo, MALFERIR, CONSEGUIR...) conxúganse seguindo este modelo: Ti nunca consegues o que queres, Ela segue todas as series policiais da CRTVG etc.

Amais, quen queira escoitar unha selección de música escollida polo autor para ambientar a lectura pode facelo a través dunha entrada ofrecida polo Consello da Cultura Galega.


Gozade/desfrutade do libro, pois a RAG permítenos empregar os dous verbos pero dándolle prioridade ao primeiro!