29/01/13

CASAR... PARA A CASA?

O verán pasado nunhas xornadas realizadas na Serra de Outes sobre a figura do poeta Francisco Añón (1812-1878) inaugurábanse uns paneis expositivos onde se recollía a vida e a obra deste autor. Nun deles chamounos especialmente a atención a algúns dos asistentes a locución verbal casar para a casa, que se empregaba para referirse a Nicolasa, poetisa e irmá de Francisco Añón.
Estes días manexando o Dicionario xurídico galego (2011), do que xa temos falado, atopeime de novo con esta expresión, que vou aproveitar para comentar. A autora desta entrada, Natalia Álvarez Lata, indica que é unha locución adscrita á área de Dereito civil de Galicia e consiste "nunha forma de constitución da compañía familiar galega polo feito de integrarse o novo matrimonio ou parella na vida comunitaria e de traballo do grupo xa constituído" (páx. 179). A miña curiosidade levoume a preguntar entre coñecidos das catro provincias galegas (investigación caseira) para coñecer o uso desta expresión e comprobei que se emprega acotío e está viva no norte de Galicia, pois nas provincias de Pontevedra e Ourense utilízanse outras construcións para explicar isto: "casou e vive na casa", "casaron e viven na casa familiar del/dela" etc.

A pesar da pouca base científica que poida ter esta pequena pescuda, o feito de empregarse a expresión no norte de Galicia, permítenos vinculala á mellora, tipo de herdanza, arraigada á comunidade galega, aínda moi viva en zonas do norte de Galicia.