12/01/20

GALICIA NOMEADA: UN PROXECTO DE MICROTOPONIMIA COOPERATIVA 

A riqueza toponímica de Galicia é ben coñecida por todos e por todas, de feito a macrotoponimia (ou toponimia maior) está recollida no Noménclator de Galicia. Con respecto aos microtopónimos (ou topónimos menores), estes son moi abundantes na nosa sociedade e, por desgraza, moitos deles acaban desaparecendo ao existiren unicamente na memoria das persoas de máis idade. Para evitar isto, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puxo en marcha unha interesante ferramenta dixital chamada Galicia Nomeada, que nos permite rexistrar a microtoponimia e divulgala entre toda a sociedade. 

Galicia Nomeada ofrece unha versión para escritorio e unha aplicación para móbiles (Android e iOs) que nos permiten xeoreferenciar os nomes do territorio da contorna elixida e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa pronuncia, lendas asociadas ou descricións, segundo se indica na páxina do proxecto.

Os nomes das leiras, fontes, montes, penedos, regos, camiños, entre outros, funcionaron e, nalgúns casos, aínda seguen funcionando como localizadores xeográficos e forman parte dun patrimonio de gran riqueza que sería unha mágoa que se perdese.