20/02/21

TERMOS ESENCIAIS DE VACINAS

Novamente a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC pon ao noso dispor, en liña, unha relación de 125 rexistros relacionados co ámbito das vacinas baixo o nome Termos esenciais de vacinas, que están aloxados no coñecido bUSCatermos. Esta compilación de voces complementa a publicada hai uns meses baixo o nome Termos esenciais da Covid-19.

Nesta ocasión os 125 rexistros están relacionados co ámbito das vacinas, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización, como se indica na nota explicativa que acompaña a publicación. Amais de cada voz achégase a área ou áreas temáticas na cal se inscribe, os nomes polos que se coñece en galego, español e inglés e, en case todos os casos, ofrécese a definición en galego.

Finalmente, cómpre destacar que a selección do corpus se realizou tendo en conta as Follas de información de vacinas do Servizo Galego de Saúde ademais doutros recursos como Terminologia de les vacunes, Vaccination glossary e Vaccine&Immunization.