26/09/12

O CORRECTOR GALGO 2.0

Dende hai uns días podemos descargar e utilizar no noso ordenador (tanto para Windows como para Mac) o corrector de galego Galgo 2.0. Está adaptado á norma aprobada pola Real Academia no ano 2003 e corrixe erros tipográficos, ortográficos e léxicos.

Corrector lingüístico e ortográfico da lingua galega "Galgo"


É evidente que un corrector nunca poderá substituír o minucioso traballo dun lingüista, pero sempre pode axudarnos a mellorar a nosa escrita en lingua galega.

25/09/12

DÁMOSLLE A BENVIDA A DOUS NOVOS VOCABULARIOS!

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago acaba de editar dous novos repertorios lexicográficos que se poden consultar e descargar en formato .pdf.

a) Vocabulario forestal: galego-español-inglés, coordinado por Xusto Rodríguez Río. Conta con 2.447 termos presentados coa súa categoría gramatical, área ou áreas á que se adscriben, a forma en español e en inglés e, en ocasións, unha nota aclaratoria. Ao final da obra ofrécese unha listaxe das voces nas diferentes linguas.

b) Termos esenciais de dereito internacional (galego-español-inglés), tamén coordinado por Xusto Rodríguez Río. Recolle 771 voces encabezadas pola forma galega e seguidas dos índices en español e inglés.