17/05/20

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020: Ricardo Carvalho Calero (1910-1990)


Imaxe de Luis Davila

28/03/20

UNHA PROPOSTA TEATRAL: SHAKESPEARE PARA IGNORANTES

Como non todo vai ser traballar nestes tempos de confinamento, velaquí deixo o vídeo completo da exitosa obra teatral Shakespeare para ignorantes, dirixida por Quico Cadaval e levada a escena por Mofa&Befa. Unha comedia de carácter didáctico na cal un profesor ofrece unha conferencia sobre Shakespeare para instruír a un público carente de coñecementos. A retranca e o riso están presentes en toda a obra.

Vaivos gustar!

20/03/20

UN AGASALLO PARA OS OÍDOS... "NO SALÓN DAS CEREIXAS" DE XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DE SALITRE

Velaquí queda a peza "No salón das cereixas" pertencente ao último disco de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre titulado As catedrais silenciadas. Desfrutádea estes días que nos toca quedar na casa e temos máis vagar.


15/03/20

#DÍGOCHOEU

Comezamos o ano 2020 cunha nova ferramenta que, de seguro, vai axudar a mellora o uso da lingua galega, tanto oral coma escrita. Trátase duns pequenos vídeos elaborados polos xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez baixo o cancelo #Dígochoeu que permitirán resolver as dúbidas máis frecuentes que se presentan á hora de usar o galego.

Premendo na imaxe podedes visualizar a entrevista que lles fixeron aos xornalistas no programa A revista da CRTVG.


A seguir recollemos a relación de vídeos #Dígochoeu que se gravaron ata o momento coa finalidade de que vos sexan útiles e pasedes o tempo nestes días caseiros que nos esperan. Intentaremos actualizalos acotío:





FICAMOS NA CASA


Imaxe de Leandro Lamas

12/01/20

GALICIA NOMEADA: UN PROXECTO DE MICROTOPONIMIA COOPERATIVA 

A riqueza toponímica de Galicia é ben coñecida por todos e por todas, de feito a macrotoponimia (ou toponimia maior) está recollida no Noménclator de Galicia. Con respecto aos microtopónimos (ou topónimos menores), estes son moi abundantes na nosa sociedade e, por desgraza, moitos deles acaban desaparecendo ao existiren unicamente na memoria das persoas de máis idade. Para evitar isto, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puxo en marcha unha interesante ferramenta dixital chamada Galicia Nomeada, que nos permite rexistrar a microtoponimia e divulgala entre toda a sociedade. 

Galicia Nomeada ofrece unha versión para escritorio e unha aplicación para móbiles (Android e iOs) que nos permiten xeoreferenciar os nomes do territorio da contorna elixida e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa pronuncia, lendas asociadas ou descricións, segundo se indica na páxina do proxecto.

Os nomes das leiras, fontes, montes, penedos, regos, camiños, entre outros, funcionaron e, nalgúns casos, aínda seguen funcionando como localizadores xeográficos e forman parte dun patrimonio de gran riqueza que sería unha mágoa que se perdese.




05/01/20

O PORTAL DA CIENCIA GALEGA:  GCiencia

Dende o mes de novembro do ano 2013 temos a sorte de contar coa páxina GCiencia, que une xornalismo e divulgación e achega a ciencia e a tecnoloxía que se fai en Galicia a toda a sociedade. Faino dun xeito sinxelo botando man de tres linguas: o galego (maioritariamente), o castelán e o inglés. Este proxecto está capitaneado polos xornalistas Eduardo Rolland e Pablo López, baixo a editora Ciencia Galega Industrias Creativas S.L., e conta con numerosos premios e recoñecementos dende que se puxo en marcha; entre eles o prestixioso premio Prismas 2019.

Organízase nas seguintes seccións: Ciencia, Mar, Natura, Universidade, Tecnoloxía, Nautas, Tolociencia, Destinos, aos que se unen Opinión, Talento, HistoriasGC, Pontenciencia, Perspectivas, Premio Comunicación Científica, Xacementos, GCEnglish, Ecocidade e Boísimo, dedicada á gastronomía. Ademais, conta coa canle GCTV.

Ata o momento, as xestións dixitais no ámbito da administración foron o tema de dúas publicacións polo xornal GCiencia: As xestións dixitais dos galegos coa Xunta xa superan as presenciais e As novas tecnoloxías mudan a cara da Administración.
Dende aquí desexámoslle unha longa vida a GCiencia e animamos á súa lectura!

23/12/19

O APÓSTROFO

O apóstrofo é un signo ortográfico que marca a elisión dunha ou máis vogais nunha palabra. É moi frecuente o seu uso en linguas coma o italiano, o francés, o inglés e o catalán; amais, no galego tamén podemos empregar este signo ortográfico nos seguintes casos:

a) Para reproducir tal cal a prosodia do galego oral ou dialectal. Por exemplo, na adiviña: Catro na cama, / catro na lama, / dous parafusos / e un que ll azana.
b) Para os títulos das obras ou cabeceiras de publicacións, só cando o artigo inicial vai precedido das preposicións de ou en: Leuno n A Nosa Terra, Estou estudando os personaxes d Os dous de sempre, pero nunca Quedou durmido *c Os Eoas nas mans.

Cando empregamos os procesadores de texto debemos ter conta e non confundir a tipografía do apóstrofo [’] coa do acento agudo [´], pois son signos diferentes.


21/10/19

RECURSOS PARA ESTUDAR DEREITO EN GALEGO DA MAN DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA USC

Retomamos a actividade desta bitácora presentado unha serie de recursos útiles á hora de traballarmos a linguaxe xurídica e administrativa en galego, ofrecidos polo Servizo de Normalización da Universidade de Santiago de Compostela.

Os materiais ofrécense divididos en catro apartados: formación, lexislación en galego, manuais e vocabulario específico. En concreto, a sección de manuais recolle unidades didácticas elaboradas por profesorado de dereito da propia Universidade de Santiago.

Aqueles e aquelas que traballades acotío nestes ámbitos tedes aquí unha boa páxina de referencia.



28/12/18

BO NADAL E FELIZ 2019!

Para o novo ano retomaremos esta bitácora e prometemos unha entrada por mes. Velaquí queda un dos propósitos para o novo ano!


Fonte: foro de deseño gráfico Time Lapse