11/04/11

O BARBEIRO SANGRADOR DE ALLARIZ
No Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) custódiase un documento ben curioso que quero compartir con todos e todas vós. O texto é unha carta de licenza (ollo! non *licencia), datada en 1591, na cal se lle concede o título de barbeiro flebotomiano a un veciño de Allariz chamado Juan Castro.

O documento ao que no referimos está redactado en castelán, pero recollémolo aquí polo peculiar que resulta; ademais así recordamos como a lingua galega, de máximo esplendor durante a Idade Media, a fins desta época foi perdendo relevancia e paulatinamente sería substituída polo castelán na documentación pública e privada da época. Dito isto, no manuscrito, do cal imos ofrecer unha imaxe, recóllese o título de barbeiro flebotomiano (é dicir, coa autorización para ser sangrador) de Juan Castro, quen tivo que ir examinarse a Madrid para poder exercer a súa profesión na vila allaricense. Pero a día de hoxe relacionar o traballo de barbeiro coa de sangrador non ten moito sentido, con todo si o tivo a partir do medievo e ata ben entrada a Idade Moderna, dado que estes profesionais da coitela encargábanse tamén da extracción de moas e do sangue a través de samesugas e ventosas, nunha época na cal a evacuación do sangue do corpo considerábase que tiña fins terapéuticos.


Como se pode observar, o texto leva unha orla vermella (ollo! non *roxa), que simboliza a cor do sangue.

Para a elaboración desta entrada servinme dunha publicación periódica do AHPOu, chamada Fronda. Voandeira de Arquivo Histórico Provincial de Ourense, en concreto, ao número 18 (setembro-outubro 2008), motivo polo que quero agradecer ao persoal da dita institución a súa amabilidade e desexarlle unha longa vida a esta pequena, pero interesante publicación.

5 comentarios:

Voz en off dixo...

Samesugas? Que significa: sangrías?Ten un punto de arrepiante esta historia.

signos de puntuación dixo...

Samesuga, sambesuga ou sambexuga denomina aos seres que viven nos estanques e que se alimentan do sangue doutros animais. É unha palabra formada de sangue+chuchar (verbo SUGERE latino) e é a forma galega do termo castelán "sanguijuela".

Voz en off dixo...

Graciñas.

Anónimo dixo...

Meu deus, este blog non para aínda vas acadar os 3.000/ 4.000 visitantes. Noraboa!

signos de puntuación dixo...

Grazas a todos e a todas vós polas visitas; nunca pensei que este "experimento" para unhas clases fose ter tanto éxito. Graciñas!!