05/04/11

A PARES...
Nesta ocasión imos (ollo! vamos é imperativo) falar das denominacións que lles damos en galego aos dous nenos/as que nacen nun mesmo parto, xa que ás veces utilízanse formas incorrectas. A priori, empregamos a voz xemelgos, pero para ser máis exactos debemos ter en conta:

a) Se proceden dun único óvulo, que denominaremos, tecnicamente, xemelgos monocigóticos, uniovulares ou monoovulares. Neste caso normalmente utilizamos a forma xemelgos.

b) Se proveñen da fertilización de dous, tres ou máis óvulos. De ser así, podemos estar ante xemelgos bicigóticos ou biovulares, denominados acotío co castelanismo *mellizos; pois ben, é preciso lembrar que neste caso temos que botar man da denominación falsos/as xemelgos ou utilizar as palabras técnicas anteriormente citadas. Ademais, cando facemos referencia a máis de dous rapaces ou rapazas, debemos utilizar as denominacións trixemelgos, cuadrixemelgos...

Quen queira (e nunca *quenqueira) afondar algo máis sobre o tema pode consultar o Dicionario galego de termos médicos (http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/diccmedico.pdf) ou o Vocabulario de medicina galego-español-inglés-portugués (http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/medicina.pdf).

Aínda que non esteamos moi afeitos a falar de falsos xemelgos, hai outras linguas, como o portugués, que utilizan con total normalidade falsos gêmeos.

Velaquí as falsas xemelgas ou xemelgas bicigóticas Icía e Carmela, ás que vai dedicada esta entrada!

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Este blog é moi práctico e interesante ademais de ameno. A min apetecíame que abrises un consultorio de dúbidas. Non sei se se pode.

signos de puntuación dixo...

Para facer un consultorio de dúbidas sospeito que habería que crear algo semellante a un foro, pero propóñovos que me envíedes as vosas dúbidas ao mail (que está debaixo do meu nome) e eu farei as próximas entradas tendo en conta os vosos intereses. Un saúdo!