05/06/11

UNHA NOVA FERRAMENTA... o GALEGOBOOK


Esta semana os medios de comunicación recollían o nacemento dun novo proxecto que compila máis dun cento de libros en galego en soporte electrónico e de diversas temáticas: sociolingüística, terminoloxía, dialectoloxía... O Galegobook. Este proxecto, sen ánimo de lucro, a pesar de estar aínda en construción, pretende ser un espazo en que compartir e intercambiar impresións sobre os libros, aos cales se pode acceder comodamente consultando o seu índice de autores ou de obras.


Neste caso, e dado que este blog está orientado ao estudo da linguaxe administrativa (e xurídica) galega, indicaremos algunhas obras, recollidas no Galegobook, que vos poden ser útiles para o desenvolvemento do voso traballo:


a) (Breve) manual de estilo universitario, da autoría de Manuel Bermúdez. Dun xeito claro e resumido recolle información relativa aos signos de puntuación, ao deseño do documento, dá pautas sobre como conseguir que a escritura sexa fluída e, finalmente, achega unha bibliografía útil.

b) Libro de estilo do Concello de Santiago, elaborado polo Departamento de lingua do dito concello, recolle apuntamentos gramaticais, ortográficos, sintácticos, notas relativas ao estilo e tamén propostas de modelos de documentos frecuentes na Administración local, que poden ser moi aproveitables para mellorarmos a nosa lingua.

c) Manual de estilo do Concello de Tomiño, elaborado por José Luís Iglesias. Contén apuntamentos ortográficos, gramaticais e sintácticos.

d) Abreviaturas, siglas, símbolos e léxico, obra de Manuel Bermúdez. Nunhas poucas páxinas podemos atopar recollidas as abreviaturas, siglas, acrónimos, símbolos xunto cunha listaxe de palabras e expresións dubidosas.


e) Breve guía para unha linguaxe non sexista, da autoría da área de Igualdade da Universidade de Vigo. En 12 páxinas dáse indicacións de como utilizar unha lingua o menos sexista posible: utilizando os colectivos, os dous xéneros, etc.

f) Recomendacións para unha linguaxe non discriminatoria na administración pública, elaborado polo Servizo de Igualdade da Xunta de Galicia.



h) Criterios para o uso da lingua e Sobre a calidade da nosa lingua, obras coordinadas por Goretti Sanmartín Rei que ofrecen criterios linguísticos e normas de estilo para os escritos procedentes da Universidade da Coruña. Son dous libros moi recomendables.


j) Curso de linguaxe administrativa, coordinado por Manuel Rico. É o texto que se manexa nos cursos de linguaxe administrativa.


k) Manual básico de documentación administrativa, coordinado por Manuel Rico e moi utilizado nos cursos de Linguaxe administrativa ofertados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

l) Manual de documentos administrativos, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, achega modelos de documentos.

m) Manual básico de documentación administrativa e xurídica, coordinado por Xoán Rivas é de interese xa que achega modelos de documentos xurídicos.


n) Termos esenciais de dereito constitucional (galego-castelán), elaborado por Begoña López e Xusto Rodríguez.

ñ) Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego), elaborado por Martín Ramos Ínsua. A pesar da súa brevidade, é moi útil.

Parabéns pola iniciativa e esperamos que o Galegobook siga sumando libros!

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Xa vin o galegobook, a verdade é que hai de todo.Está o dicionario do Regueira, hai cousas da Hermida, de Goretti Sanmartín da Universidade da Coruña. Moloume. Aínda que eu sigo preferindo o papel.

signos de puntuación dixo...

Eu tamén penso que o papel é insubstituíble, pero é moito máis práctico ter certos libros de consulta e manuais en versión dixitalizada. Sexa en papel en en formato electrónico o importante é termos o material para consultar ou ler cando nos apeteza!