25/09/13

UNHA FERRAMENTA ESTRELA!: O Dicionario de pronuncia da lingua galega

A RAG e o ILG editaron en 2010 o Dicionario de pronuncia da lingua galega, da autoría de Xosé Luís Regueira. Daquela, esta obra recollía a pronuncia de 47.000 voces e hoxe, tres anos despois, contamos cunha nova versión, que ademais do léxico común, permítenos achegarnos ao modelo estándar do galego oral dos nomes propios (persoa, apelidos e topónimos).

Esta ferramenta é interesante por varias cuestións:

a) Conta cunha introdución, que ademais de dar as pautas de uso e elaboración da obra, resulta de utilidade para uso docente á hora de achegar o alumnado (máis avanzado) á fonética.

b) Permite facer buscas ortográficas e fonéticas, esta última posibilidade para usuarios máis especializados. Ademais, ofrece a produción oral das voces para escoitar a súa realización.

c) Ofrece o modelo de pronuncia de topónimos e antropónimos que, de seguro, vai ser de moita axuda tanto para profesionais de diversos ámbitos (por exemplo, dos medios de comunicación) coma para o público xeral, interesado en coñecer a realización fonética dun nome, apelido ou topónimo que descoñece.

d) É de consulta gratuíta.




Animádevos a consultar esta nova versión do Dicionario de pronuncia da lingua galega!

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Moito botamos de menos na vella edición os nomes propios.Moi útil.

signos de puntuación dixo...

Pois é posible que dentro de pouco haxa unha aplicación moi útil deste dicionario... :-)