05/06/11

VERBOS CON ALTERNANCIA (capítulo I): ela segue ou ela *sigue?


A lingua galega posúe unha serie de verbos que presentan alternacia vocálica no Presente de indicativo. Vexamos como se conxuga o Presente de indicativo do verbo seguir: eu sigo, ti segues, el/ela/vostede segue, nós seguimos, vós seguides, eles/elas/vostedes seguen. Con todo, para algúns falantes esta conxugación, presente no galego estándar, convive con outra que presenta un predominio da vogal -i- (por exemplo, ti *sigues, el/ela/vostede *sigue... eles/elas/vostedes *siguen), da cal debemos fuxir cando queiramos empregar a lingua con corrección.


Do mesmo xeito que se conxuga o Presente de indicativo de seguir, tamén se conxugan outros catro verbos máis, que son: mentir, ferir, sentir e servir (e por suposto, os seus derivados: malferir, consentir...). Polo tanto, temos que conxugar: eu minto, ti mentes, el/ela/vostede mente, nós mentimos, vós mentides, eles/elas/vostedes menten; eu firo, ti feres, el/ela/vostede fere, nós ferimos, vós ferides, eles/elas/vostedes feren; eu sinto, ti sentes, el/ela/vostede sente, nós sentimos, vós sentides, eles/elas/vostedes senten; e eu sirvo, ti serves, el/ela/vostede serve, nós servimos, vós servides, eles/elas/vostedes serven.


Ollo! porque o Imperativo é: sigue ti, seguide vós; minte ti, mentide vós; fire ti, feride vós; sinte ti, sentide vós e sirve ti, servide vós. Leva precisamente a vogal -i- para distinguirse da segunda persoa singular do Presente de indicativo.


Habemos seguir estudando outros verbos que presentan alternancia vocálica!





UNHA NOVA FERRAMENTA... o GALEGOBOOK


Esta semana os medios de comunicación recollían o nacemento dun novo proxecto que compila máis dun cento de libros en galego en soporte electrónico e de diversas temáticas: sociolingüística, terminoloxía, dialectoloxía... O Galegobook. Este proxecto, sen ánimo de lucro, a pesar de estar aínda en construción, pretende ser un espazo en que compartir e intercambiar impresións sobre os libros, aos cales se pode acceder comodamente consultando o seu índice de autores ou de obras.


Neste caso, e dado que este blog está orientado ao estudo da linguaxe administrativa (e xurídica) galega, indicaremos algunhas obras, recollidas no Galegobook, que vos poden ser útiles para o desenvolvemento do voso traballo:


a) (Breve) manual de estilo universitario, da autoría de Manuel Bermúdez. Dun xeito claro e resumido recolle información relativa aos signos de puntuación, ao deseño do documento, dá pautas sobre como conseguir que a escritura sexa fluída e, finalmente, achega unha bibliografía útil.

b) Libro de estilo do Concello de Santiago, elaborado polo Departamento de lingua do dito concello, recolle apuntamentos gramaticais, ortográficos, sintácticos, notas relativas ao estilo e tamén propostas de modelos de documentos frecuentes na Administración local, que poden ser moi aproveitables para mellorarmos a nosa lingua.

c) Manual de estilo do Concello de Tomiño, elaborado por José Luís Iglesias. Contén apuntamentos ortográficos, gramaticais e sintácticos.

d) Abreviaturas, siglas, símbolos e léxico, obra de Manuel Bermúdez. Nunhas poucas páxinas podemos atopar recollidas as abreviaturas, siglas, acrónimos, símbolos xunto cunha listaxe de palabras e expresións dubidosas.


e) Breve guía para unha linguaxe non sexista, da autoría da área de Igualdade da Universidade de Vigo. En 12 páxinas dáse indicacións de como utilizar unha lingua o menos sexista posible: utilizando os colectivos, os dous xéneros, etc.

f) Recomendacións para unha linguaxe non discriminatoria na administración pública, elaborado polo Servizo de Igualdade da Xunta de Galicia.



h) Criterios para o uso da lingua e Sobre a calidade da nosa lingua, obras coordinadas por Goretti Sanmartín Rei que ofrecen criterios linguísticos e normas de estilo para os escritos procedentes da Universidade da Coruña. Son dous libros moi recomendables.


j) Curso de linguaxe administrativa, coordinado por Manuel Rico. É o texto que se manexa nos cursos de linguaxe administrativa.


k) Manual básico de documentación administrativa, coordinado por Manuel Rico e moi utilizado nos cursos de Linguaxe administrativa ofertados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

l) Manual de documentos administrativos, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, achega modelos de documentos.

m) Manual básico de documentación administrativa e xurídica, coordinado por Xoán Rivas é de interese xa que achega modelos de documentos xurídicos.


n) Termos esenciais de dereito constitucional (galego-castelán), elaborado por Begoña López e Xusto Rodríguez.

ñ) Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego), elaborado por Martín Ramos Ínsua. A pesar da súa brevidade, é moi útil.

Parabéns pola iniciativa e esperamos que o Galegobook siga sumando libros!


01/05/11

UN AGASALLO... PARA CELEBRARMOS O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Aínda que un pouco tarde, disque (e non *dis que) máis vale tarde que nunca...


Nesta ocasión caeu nas miñas mans un clásico da literatura italiana, a tradución ao galego de Seda, de Alessandro Baricco, publicada pola editorial Rinoceronte no ano 2006, a cal nos vai servir para falar de dous xentilicios moi presentes na vida cotía e que ás veces se utilizan incorrectamente. Transcribo un capítulo:


"Hervé Joncour partiu cara ao Xapón a principios de outubro. Cruzou a fronteira francesa preto de Metz, atravesou as rexións de Württemberg e Baviera, entrou en Austria, foi en tren a Viena e a Budapest para acto seguido proseguir ata Kiev. Percorreu a cabalo dous mil quilómetros de estepa rusa, atravesou os Urais, entrou en Siberia, viaxou durante corenta días ata chegar ao lago Baikal, que a xente do lugar chamaba "o derradeiro". Bordeou o río Amur, costeando a fronteira chinesa ata o océano, e cando chegou ao océano ficou no porto de Sabirk dez días, ata que un barco de contrabandistas holandeses o levou a Cabo Teraya, na costa oeste do Xapón. O que atopou foi un país en desordenada espera dunha guerra que non daba estoupado. Viaxou durante días sen ter que facer uso da habitual prudencia, posto que parecía que o mapa dos poderes e as redes de control se disolveran ao seu redor ante a inminencia dunha explosión que as ía redeseñar totalmente. En Shirakawa, atopouse co home que o debía levar onda Hare Kei. Ao cabo de dous días a cabalo enxergaron a vila. Hervé Joncour continuou a pé para que a nova da súa chegada á aldea puidese chegar antes ca el."


a) Debemos ter en conta que o xentilicio (ou nome das persoas que habitan nun lugar) do Xapón é xaponés para o xénero masculino e xaponesa para o feminino. Pero, tamén podemos utilizar nipón, nipoa (ollo! non *nipona). Por ex. Esa xaponesa/nipoa fala moi ben o galego.


b) No caso dun habitante da China, falamos de chinés e chinesa, formas que funcionan ben como adxectivos (por ex. Gústame a comida chinesa) ben como substantivos (por ex. Ese home é chinés). Cómpre lembrar que chinés tamén é o nome que se lle dá a cada unha das linguas faladas na China (por. ex. Hei aprender chinés mandarín). A forma chino resérvase para referirse ao porco, quino, cocho, marrán...

Rematamos desexándolle unha rápida recuperación ao país nipón!


11/04/11

O BARBEIRO SANGRADOR DE ALLARIZ
No Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) custódiase un documento ben curioso que quero compartir con todos e todas vós. O texto é unha carta de licenza (ollo! non *licencia), datada en 1591, na cal se lle concede o título de barbeiro flebotomiano a un veciño de Allariz chamado Juan Castro.

O documento ao que no referimos está redactado en castelán, pero recollémolo aquí polo peculiar que resulta; ademais así recordamos como a lingua galega, de máximo esplendor durante a Idade Media, a fins desta época foi perdendo relevancia e paulatinamente sería substituída polo castelán na documentación pública e privada da época. Dito isto, no manuscrito, do cal imos ofrecer unha imaxe, recóllese o título de barbeiro flebotomiano (é dicir, coa autorización para ser sangrador) de Juan Castro, quen tivo que ir examinarse a Madrid para poder exercer a súa profesión na vila allaricense. Pero a día de hoxe relacionar o traballo de barbeiro coa de sangrador non ten moito sentido, con todo si o tivo a partir do medievo e ata ben entrada a Idade Moderna, dado que estes profesionais da coitela encargábanse tamén da extracción de moas e do sangue a través de samesugas e ventosas, nunha época na cal a evacuación do sangue do corpo considerábase que tiña fins terapéuticos.


Como se pode observar, o texto leva unha orla vermella (ollo! non *roxa), que simboliza a cor do sangue.

Para a elaboración desta entrada servinme dunha publicación periódica do AHPOu, chamada Fronda. Voandeira de Arquivo Histórico Provincial de Ourense, en concreto, ao número 18 (setembro-outubro 2008), motivo polo que quero agradecer ao persoal da dita institución a súa amabilidade e desexarlle unha longa vida a esta pequena, pero interesante publicación.

05/04/11

A PARES...
Nesta ocasión imos (ollo! vamos é imperativo) falar das denominacións que lles damos en galego aos dous nenos/as que nacen nun mesmo parto, xa que ás veces utilízanse formas incorrectas. A priori, empregamos a voz xemelgos, pero para ser máis exactos debemos ter en conta:

a) Se proceden dun único óvulo, que denominaremos, tecnicamente, xemelgos monocigóticos, uniovulares ou monoovulares. Neste caso normalmente utilizamos a forma xemelgos.

b) Se proveñen da fertilización de dous, tres ou máis óvulos. De ser así, podemos estar ante xemelgos bicigóticos ou biovulares, denominados acotío co castelanismo *mellizos; pois ben, é preciso lembrar que neste caso temos que botar man da denominación falsos/as xemelgos ou utilizar as palabras técnicas anteriormente citadas. Ademais, cando facemos referencia a máis de dous rapaces ou rapazas, debemos utilizar as denominacións trixemelgos, cuadrixemelgos...

Quen queira (e nunca *quenqueira) afondar algo máis sobre o tema pode consultar o Dicionario galego de termos médicos (http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/diccmedico.pdf) ou o Vocabulario de medicina galego-español-inglés-portugués (http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/medicina.pdf).

Aínda que non esteamos moi afeitos a falar de falsos xemelgos, hai outras linguas, como o portugués, que utilizan con total normalidade falsos gêmeos.

Velaquí as falsas xemelgas ou xemelgas bicigóticas Icía e Carmela, ás que vai dedicada esta entrada!


18/01/11

UNHA RECEITA MEDIEVAL PARA CURAR O CÓLERA

Sabemos que o cólera (con xénero masculino) é unha enfermidade de orixe asiática que debemos diferenciar da cólera (con xénero feminino), que fai referencia a un gran enfado. Precisamente para combater esta enfermidade no ano 1467 un documento custodiado na Catedral de Ourense recolle a seguinte receita que transcribo a continuación tal cal foi publicada no BRAG:

Receita contra o cólera

Tomen doce ou quince graos de loureiro secos e sean bien molidos et cercenidos et uueltos con una onza de agua rrosada et outro tanto de vinagre branco et vuelvan con ello doce ou quince gotas de leche de figuera, et si la leche non podieren aver tomen en su lugar dous ou tres leños de la figuera cortados non moy menudos et mezando todo con un palo de figuera, et denlo todo a beber colado al paciente dentro de las seis horas que le diese e cubranlo bien, et si sudare guardente la sudor, et con la gracia de nuestro Señor que el mundo de nada crió será libre et sano el que esto ficiere, enpero se fuero moço de poca edade o hombre que esto ficiere, enpero se fuero moço de poca edade o hombre de poca complesión denle la metad o las dos partes desti.

Como podemos ver, trátase dun documento escrito en galego e en castelán, cousa esperable se pensamos que a partir do séc. XV a lingua galega irá desaparecendo paulatinamente dos textos, tanto en prosa coma en verso.



23/05/10

UNHA NOVA FERRAMENTA: O Manual de documentación administrativa e xurídica

Dende hai aproximadamente un mes, todos aqueles e aqueles que traballades no ámbito administrativo e xurídico tedes á vosa disposición o Manual de documentación administrativa e xurídica, publicado pola Secretaria Xeral e pola EGAP, que se pode descargar en .pdf dende http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/manualxuridico2010.pdf.
O interese desta obra débese a que recolle modelos de documentos xurídicos e actualiza os tipos de textos administrativos publicados na obra Manual de documentos administrativos.
Botádelle un ollo que de seguro vos será útil!

25/04/10

UNHA INVITACIÓN...

O Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ourense convídanos a todos e a todas a asistir, de balde, ao 2º Foro da Lingua. Este ano o foro está centrado nas actividades de expresión oral e para quen estea interesado, velaquí copio o programa:
Martes 27/04, ás 20.30: Pinto de Herbón e Josiño do Viso preséntannos as súas Regueifas.

Mércores 12/05, ás 20.00: Posta en escena da obra de teatro “O achado do castro” de M. Núñez Singala, polo grupo de teatro Marañao.

Xoves 13/05, ás 18.30: Carlos Rafael actuará como contacontos.


Espero que participedes!

07/01/10

BENVIDO 2010!

Sempre que comeza un novo ano non podo evitar recordar cun riso unha carta de felicitación que hai uns cantos anos tiven que corrixir (*correxir). O dito escrito empezaba do seguinte xeito: "Este recén nacido ano..." e ata aquí podo ler (*leer).

A propósito disto, aproveitaremos para recordar que a frase recén nacido/a, utilizada frecuentemente para referirse aos seres vivos, considérase un castelanismo en galego. Pero ¿que outras maneiras temos para expresala? Na lingua cotiá normalmente utilizamos "acabado/a de nacer". Por exemplo: A túa curmá acaba de nacer/é unha nena acabada de nacer. Con todo, en contextos máis cultos utilízase "neonato/a": Cando chegues ao hospital busca a sala de neonatos.


Tamén cómpre ter en conta que cando escribimos unha data completa debemos utilizar a preposición de precedendo ao mes e ao ano: Vigo, 7 de xaneiro de 2010. Ollo! empregar aquí a preposición do é un erro (*do 2010).

24/12/09

SE NON CANTAMOS...

Deseguido recollemos unha cantiga para xogar cos nenos que copiamos da guía O noso nadal, galego e verde (http://www.cxg.org/mediateca/cma/O_noso_Nadal_galego_e_verde_2009.pdf), elaborada pola Consello da Xuventude en que se dá conta de receitas de cociña, roteiros literarios, propostas de agasallos para o Nadal e moitas outras cousas. En concreto estas coplas están seleccionadas polos integrantes de Orella Pendella e velaquí van:

Unha pega, merga, reborderga
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos, mergos, rebordergos
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos,
rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga,
reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

Dado que nestas coplas atopamos se non imos aproveitar para explicar a diferenza que hai entre grafar senón e se non. Vexamos:

Senón vs. se non
senón
-introduce unha rectificación: Non é roxo, senón vermello.
-locución conxuntiva =‘menos que’: Creo que no te vin, senón que sexa o que di o teu curmán.
-non + verbo + senón: Non é senón un paspán.
-non só... senón tamén, suma o expresado antes: Non só quedou na rúa, senón tamén sen coche.
-prep. 'excepto': Senón Carlos e Gabriela, os outros quedaron na casa.

se non

-conxunción condicional se + adverbio non: Se non estudas vas suspender.
-conxunción comparativa se + adverbio non: A ver se non vos portades tan mal coma onte.

Agora só nos queda reflexionar un pouco, senón non imos conseguir facer ben a distinción!


09/12/09

...DE AUTORIZACIÓNS E PODERES

Hai un par de semanas un alumno de Boiro quedou sen poder ir a unha excursión porque disque esqueceu a autorización na aula e na súa casa non a puideron asinar. Dende logo, parece que moitas ganas de saír do instituto non tiña!
O caso é que unha autorización non deixa de ser un documento non cal se concede permiso a outra persoa para que efectúe ou faga algún trámite: para que retire algo da oficina de Correos, para que nos presente unha determinada documentación, para que vaia a algures, etc.
Todos e todas nós (#nos) podemos facer unha autorización e maila existiren modelos nas oficinas das administracións, institutos e outros organismos o documento que redactemos é tan válido coma eses modelos. Velaquí vai unha mostra:
Don/Dona María Cordeiro Ovella, con DNI 88888888I,
e con domicilio en Punta do Monte s/n, 18888, Crecente
(Pontevedra)
AUTORIZO a:
Don/Dona Hanané Outeiro Viso, con DNI 77777777K,
a recoller na secretaria do IES Pontelousa o documen-
to no cal se acredita que posúo o nivel Celga IV de
Lingua galega.
Crecente, 28 de decembro de 2009
(Sinatura do autorizante)
Normalmente é preciso achegar unha fotocopia DNI do autorizante e identificarse como autorizado.
Ollo! non debemos confundir a autorización cun poder notarial, xa que este último ten valor legal e é delegado por unha persoa física ou xurídica para autorizar ao apoderado a realizar ou executar actos xurídicos ou materiais estipulados no documento público, ben sexa para un trámite específico (por exemplo, compra ou venda dun inmoble) ou ben con carácter xeral.

14/11/09

UNHA VOLTA ÁS COMPARACIÓNS! (corrección 3ª parte)

A pesar (*pesares) de que comparar nunca é prato de gusto, vémonos na obriga de retomar este tema para explicar a solución a unha das enquisas propostas hai algún tempo. Na oración Teño vacacións de igual xeito *co resto dos traballadores da empresa hai un erro, pois debemos ter en conta que co é unha contracción na cal se unen a preposición con e o artigo masculino singular o. Por exemplo, na oración Vou co teu irmán ao concerto botamos man desta contracción. Con todo, cómpre non confundir o uso de có=ca o co uso de co. No primeiro caso estamos ante unha contración da conxunción comparativa ca e mais o artigo masculino singular o, que podemos facer ou simplemente representar ca o.
Logo desta explicación, a solución da enquisa é a primeira: Teño vacacións de igual xeito ca o resto dos traballadores da empresa, pois aquí o que estamos facendo é unha comparación e para isto recorremos á conxunción comparativa ca, que tamén podería ser subtituída por que, malia non ser esta a solución que debemos priorizar en galego.

11/10/09

UN POUCO DE FRASEOLOXÍA: corrección 2ª parte

En dúas das enquisas de hai un tempo aparecían preguntas relativas á fraseoloxía. A primeira delas, "Por riba de mel, filloas" preguntaba cal é o significado que ten e ¡parabéns! aos escasos votantes porque a resposta correcta é a c) Que aos problemas existentes, como son poucos, váiselle engadir algún máis; e... que ninguén se despiste pensando no mel que, efectivamente, por riba de tan magna sobremesa fai relamber os fuciños a calquera.
Noutra das enquisas pedíase o significado de "Auga de agosto, mel e mosto" e agora que estamos en tempo de vendimas e de uvas, cómpre (e non compre) dicir que a resposta correcta é a b) Cando chove en agosto as uvas fanse doces e engordan. Este refrán ademais vén moi a conto coas colleitas de viño que estamos tendo este ano en Galicia.
Pero sobre o viño prometemos unha entrada en breve!

15/07/09

O VOCABULARIO DE MEDICINA (galego-español-inglés-portugués)

¿Cal é a denominación de bocio en inglés americano? ¿Cal é a forma galega correspondente á portuguesa corpete?

Para solucionarmos estas dúbidas xa contamos cun novo recurso coordinado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase do Vocabulario de medicina que conta con 5.393 entradas en galego e ofrece as súas equivalencias en inglés, portugués, español e, para a área de Anatomía, tamén en latín. Ademais ofrece os termos populares dalgunhas denominacións, algo que sen dúbida vai ser de moita utilidade para que os facultativos coñezan as denominacións máis populares que utilizan os seus pacientes (calcaño, ollo preguiceiro, garxola, uña en culler, moa do siso...).


Este repertorio pode descargarse, de balde, en .pdf na seguinte ligazón: http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/medicina.pdf.

Parabéns aos creadores!



12/04/09

EU ENGULO, TI ENGOLES, EL ENGOLE...

Logo destes días de Pascua, comezaremos a semana falando de cociña e, para iso, imos (e non *vamos) recomendar un par de programas da CRTVG:
a) Larpeiros: http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=12/04/2009 21:57:20&fecha=22/10/2008&arquivo=1&programa=LARPEIROS&id_programa=431
b) Cociña para todos: http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=12/04/2009 12:12:45&fecha=24/10/2008&arquivo=1&programa=COCIÑA PARA TODOS&id_programa=393
A ver quen lambe antes os fociños!

06/03/09

DE PROFESIÓN, NOTARIO ou NOTARIA!

A modo de curiosidade, contareivos que a figura dos notarios naceu na Idade Media (c. 1180) cando a tarefa dos escribáns non era suficiente debido a que non tiñan coñecementos abondos para asentar as notas nos rexistros. Así aparece unha nova profesión que cada vez está máis presente nas nosas vidas ben sexa polas series televisivas ben por traballarmos no ámbito xurídico-administrativo ou ben porque precisamos dos seus servizos.

Pero ¿podemos facer un contrato de arrendamento en galego? ¿e escribir un testamento? DOU FE de que é posible. Agora as notarías teñen os medios para poder ofrecernos calquera documento notarial en lingua galega pero ¡por se alguén ten dúbidas! velaquí vai o Formulario notarial, da autoría de Victorino Gutiérrez Aller. Nel están recollidos modelos dos documentos notariais máis representativos: http://www.cirp.es/pls/bdox/inv.pub_detalle2?p_id=40

Ollo! é anterior ao 2003 e ademais presenta erros no peche do documento ao usar as preposicións. Ex. *En Pontevedra, *a 6 de marzo de 2009



21/01/09

FAGAMOS COMPARACIÓNS.... (dedicado -e non *adicado- ao grupo Avanzado II)


Disque as comparacións son odiosas, pero malia iso temos que saber construír estruturas comparativas coa conxunción ca. Ah! e ollo con confundirdes a conx. comparativa ca (Na primeira imaxe as rosas vense menos ca na segunda) coa contracción coa -con+as- (Coas imaxes imos alegrar a vista).
a) Temos que ter en conta que esta conxunción comparativa pode aparecer acompañada da preposición a, na secuencia ca a: Teño máis flores ca a ti.
b) Tamén pode ir seguida do artigo determinado o ou a, dando lugar a ca o=có ou ca a=cá: Teño máis flores ca o /có floristeiro ou Teño máis flores ca a/cá floristeira.
c) Ademais, a conxunción pode ir seguida dunha preposición e dun artigo: ca á. Vexamos un exemplo: Con estes agasallos, prefiro ir a Ourense ca á outra provincia.
Ánimo e a comparar!

16/01/09

OUTRO MANUAL PARA ESTUDARMOS A LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Para que non vos esquezades dos trazos máis característicos da linguaxe administrativa, convídovos a que consultedes o Curso de actualización da lingua e linguaxe administrativa galega, obra coordinada por Nel Vidal (2006): http://fedella.files.wordpress.com/2007/10/material_curso_egap.pdf
Ollo con imprimir ao chou, que ten case 300 páxs./pp.!

09/01/09

OUTRO MANUAL DE IMAXE CORPORATIVA

Como xa sabemos, os diversos organismos e institucións contan con manuais de imaxe corporativa nos cales se regulan as cores dos logos, o tipo de papel que se debe empregar, etc. Para aqueles/as que teñades curiosidade velaquí vai o Manual de imaxe corporativa e identidade visual do Servizo Público de Emprego de Galicia:
¡Que o aproveitedes (non *disfrutedes)!

03/01/09

...E PARA FACERMOS (infinitivo conxugado) MEMORIA...

a) Non esquezades que as palabras derivadas da forma latina SCRIPTU(M) en galego perden o -p-: inscrición, descrición, adscrición, subscrición, etc.
b) En galego *ubicar e derivados son castelanismos, polo tanto debemos utilizar: situar, localizar...
c) Aportar en galego é sinónimo de chegar a porto unha embarcación, así que no canto de *aportar un documento debemos escribir achegar un documento.
d) *Cincoenta é incorrecto, a forma correcta é cincuenta.
e) *Derribo e *pago son castelanismos, deben ser substituídos por derrubamento e pagamento.
f) *Según é un castelanismo e a forma galega estándar é segundo.
g) No olvidedes poñerlle o artigo ao adxectivo dito, dita: *Que dito proxecto... debe ser substituído por Que o dito proxecto...
h) *infraestructuras, *construcción e *estructuras, entre outras palabras, en galego reducen o grupo culto: infraestruturas, construción, estruturas.
i) A locución do castelán *a los efectos en galego é para os efectos.
j) Non vos acordades!, os cargos en galego grafámolos sempre con minúscula: o xefe, o director, o subalterno...
k) *Lei 30/2007 de 30 de outubro de Contratos do Sector Público ten que ser corrixida por Lei 30/2007 do 30 de outubro de contratos do sector público
l) Non esquezades evitar o galicismo formado por un substantivo+a+infinitivo: *contía a reintegrar ou *cantidade a reintegrar deben ser substituídas por contía que hai que reintegrar/que se vai reintegrar, cantidade que hai que reintegrar, que se vai reintegrar...