24/12/09

SE NON CANTAMOS...

Deseguido recollemos unha cantiga para xogar cos nenos que copiamos da guía O noso nadal, galego e verde (http://www.cxg.org/mediateca/cma/O_noso_Nadal_galego_e_verde_2009.pdf), elaborada pola Consello da Xuventude en que se dá conta de receitas de cociña, roteiros literarios, propostas de agasallos para o Nadal e moitas outras cousas. En concreto estas coplas están seleccionadas polos integrantes de Orella Pendella e velaquí van:

Unha pega, merga, reborderga
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos, mergos, rebordergos
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos,
rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga,
reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

Dado que nestas coplas atopamos se non imos aproveitar para explicar a diferenza que hai entre grafar senón e se non. Vexamos:

Senón vs. se non
senón
-introduce unha rectificación: Non é roxo, senón vermello.
-locución conxuntiva =‘menos que’: Creo que no te vin, senón que sexa o que di o teu curmán.
-non + verbo + senón: Non é senón un paspán.
-non só... senón tamén, suma o expresado antes: Non só quedou na rúa, senón tamén sen coche.
-prep. 'excepto': Senón Carlos e Gabriela, os outros quedaron na casa.

se non

-conxunción condicional se + adverbio non: Se non estudas vas suspender.
-conxunción comparativa se + adverbio non: A ver se non vos portades tan mal coma onte.

Agora só nos queda reflexionar un pouco, senón non imos conseguir facer ben a distinción!


09/12/09

...DE AUTORIZACIÓNS E PODERES

Hai un par de semanas un alumno de Boiro quedou sen poder ir a unha excursión porque disque esqueceu a autorización na aula e na súa casa non a puideron asinar. Dende logo, parece que moitas ganas de saír do instituto non tiña!
O caso é que unha autorización non deixa de ser un documento non cal se concede permiso a outra persoa para que efectúe ou faga algún trámite: para que retire algo da oficina de Correos, para que nos presente unha determinada documentación, para que vaia a algures, etc.
Todos e todas nós (#nos) podemos facer unha autorización e maila existiren modelos nas oficinas das administracións, institutos e outros organismos o documento que redactemos é tan válido coma eses modelos. Velaquí vai unha mostra:
Don/Dona María Cordeiro Ovella, con DNI 88888888I,
e con domicilio en Punta do Monte s/n, 18888, Crecente
(Pontevedra)
AUTORIZO a:
Don/Dona Hanané Outeiro Viso, con DNI 77777777K,
a recoller na secretaria do IES Pontelousa o documen-
to no cal se acredita que posúo o nivel Celga IV de
Lingua galega.
Crecente, 28 de decembro de 2009
(Sinatura do autorizante)
Normalmente é preciso achegar unha fotocopia DNI do autorizante e identificarse como autorizado.
Ollo! non debemos confundir a autorización cun poder notarial, xa que este último ten valor legal e é delegado por unha persoa física ou xurídica para autorizar ao apoderado a realizar ou executar actos xurídicos ou materiais estipulados no documento público, ben sexa para un trámite específico (por exemplo, compra ou venda dun inmoble) ou ben con carácter xeral.

14/11/09

UNHA VOLTA ÁS COMPARACIÓNS! (corrección 3ª parte)

A pesar (*pesares) de que comparar nunca é prato de gusto, vémonos na obriga de retomar este tema para explicar a solución a unha das enquisas propostas hai algún tempo. Na oración Teño vacacións de igual xeito *co resto dos traballadores da empresa hai un erro, pois debemos ter en conta que co é unha contracción na cal se unen a preposición con e o artigo masculino singular o. Por exemplo, na oración Vou co teu irmán ao concerto botamos man desta contracción. Con todo, cómpre non confundir o uso de có=ca o co uso de co. No primeiro caso estamos ante unha contración da conxunción comparativa ca e mais o artigo masculino singular o, que podemos facer ou simplemente representar ca o.
Logo desta explicación, a solución da enquisa é a primeira: Teño vacacións de igual xeito ca o resto dos traballadores da empresa, pois aquí o que estamos facendo é unha comparación e para isto recorremos á conxunción comparativa ca, que tamén podería ser subtituída por que, malia non ser esta a solución que debemos priorizar en galego.

11/10/09

UN POUCO DE FRASEOLOXÍA: corrección 2ª parte

En dúas das enquisas de hai un tempo aparecían preguntas relativas á fraseoloxía. A primeira delas, "Por riba de mel, filloas" preguntaba cal é o significado que ten e ¡parabéns! aos escasos votantes porque a resposta correcta é a c) Que aos problemas existentes, como son poucos, váiselle engadir algún máis; e... que ninguén se despiste pensando no mel que, efectivamente, por riba de tan magna sobremesa fai relamber os fuciños a calquera.
Noutra das enquisas pedíase o significado de "Auga de agosto, mel e mosto" e agora que estamos en tempo de vendimas e de uvas, cómpre (e non compre) dicir que a resposta correcta é a b) Cando chove en agosto as uvas fanse doces e engordan. Este refrán ademais vén moi a conto coas colleitas de viño que estamos tendo este ano en Galicia.
Pero sobre o viño prometemos unha entrada en breve!

15/07/09

O VOCABULARIO DE MEDICINA (galego-español-inglés-portugués)

¿Cal é a denominación de bocio en inglés americano? ¿Cal é a forma galega correspondente á portuguesa corpete?

Para solucionarmos estas dúbidas xa contamos cun novo recurso coordinado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase do Vocabulario de medicina que conta con 5.393 entradas en galego e ofrece as súas equivalencias en inglés, portugués, español e, para a área de Anatomía, tamén en latín. Ademais ofrece os termos populares dalgunhas denominacións, algo que sen dúbida vai ser de moita utilidade para que os facultativos coñezan as denominacións máis populares que utilizan os seus pacientes (calcaño, ollo preguiceiro, garxola, uña en culler, moa do siso...).


Este repertorio pode descargarse, de balde, en .pdf na seguinte ligazón: http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/medicina.pdf.

Parabéns aos creadores!



12/04/09

EU ENGULO, TI ENGOLES, EL ENGOLE...

Logo destes días de Pascua, comezaremos a semana falando de cociña e, para iso, imos (e non *vamos) recomendar un par de programas da CRTVG:
a) Larpeiros: http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=12/04/2009 21:57:20&fecha=22/10/2008&arquivo=1&programa=LARPEIROS&id_programa=431
b) Cociña para todos: http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=12/04/2009 12:12:45&fecha=24/10/2008&arquivo=1&programa=COCIÑA PARA TODOS&id_programa=393
A ver quen lambe antes os fociños!

06/03/09

DE PROFESIÓN, NOTARIO ou NOTARIA!

A modo de curiosidade, contareivos que a figura dos notarios naceu na Idade Media (c. 1180) cando a tarefa dos escribáns non era suficiente debido a que non tiñan coñecementos abondos para asentar as notas nos rexistros. Así aparece unha nova profesión que cada vez está máis presente nas nosas vidas ben sexa polas series televisivas ben por traballarmos no ámbito xurídico-administrativo ou ben porque precisamos dos seus servizos.

Pero ¿podemos facer un contrato de arrendamento en galego? ¿e escribir un testamento? DOU FE de que é posible. Agora as notarías teñen os medios para poder ofrecernos calquera documento notarial en lingua galega pero ¡por se alguén ten dúbidas! velaquí vai o Formulario notarial, da autoría de Victorino Gutiérrez Aller. Nel están recollidos modelos dos documentos notariais máis representativos: http://www.cirp.es/pls/bdox/inv.pub_detalle2?p_id=40

Ollo! é anterior ao 2003 e ademais presenta erros no peche do documento ao usar as preposicións. Ex. *En Pontevedra, *a 6 de marzo de 2009



21/01/09

FAGAMOS COMPARACIÓNS.... (dedicado -e non *adicado- ao grupo Avanzado II)


Disque as comparacións son odiosas, pero malia iso temos que saber construír estruturas comparativas coa conxunción ca. Ah! e ollo con confundirdes a conx. comparativa ca (Na primeira imaxe as rosas vense menos ca na segunda) coa contracción coa -con+as- (Coas imaxes imos alegrar a vista).
a) Temos que ter en conta que esta conxunción comparativa pode aparecer acompañada da preposición a, na secuencia ca a: Teño máis flores ca a ti.
b) Tamén pode ir seguida do artigo determinado o ou a, dando lugar a ca o=có ou ca a=cá: Teño máis flores ca o /có floristeiro ou Teño máis flores ca a/cá floristeira.
c) Ademais, a conxunción pode ir seguida dunha preposición e dun artigo: ca á. Vexamos un exemplo: Con estes agasallos, prefiro ir a Ourense ca á outra provincia.
Ánimo e a comparar!

16/01/09

OUTRO MANUAL PARA ESTUDARMOS A LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Para que non vos esquezades dos trazos máis característicos da linguaxe administrativa, convídovos a que consultedes o Curso de actualización da lingua e linguaxe administrativa galega, obra coordinada por Nel Vidal (2006): http://fedella.files.wordpress.com/2007/10/material_curso_egap.pdf
Ollo con imprimir ao chou, que ten case 300 páxs./pp.!

09/01/09

OUTRO MANUAL DE IMAXE CORPORATIVA

Como xa sabemos, os diversos organismos e institucións contan con manuais de imaxe corporativa nos cales se regulan as cores dos logos, o tipo de papel que se debe empregar, etc. Para aqueles/as que teñades curiosidade velaquí vai o Manual de imaxe corporativa e identidade visual do Servizo Público de Emprego de Galicia:
¡Que o aproveitedes (non *disfrutedes)!

03/01/09

...E PARA FACERMOS (infinitivo conxugado) MEMORIA...

a) Non esquezades que as palabras derivadas da forma latina SCRIPTU(M) en galego perden o -p-: inscrición, descrición, adscrición, subscrición, etc.
b) En galego *ubicar e derivados son castelanismos, polo tanto debemos utilizar: situar, localizar...
c) Aportar en galego é sinónimo de chegar a porto unha embarcación, así que no canto de *aportar un documento debemos escribir achegar un documento.
d) *Cincoenta é incorrecto, a forma correcta é cincuenta.
e) *Derribo e *pago son castelanismos, deben ser substituídos por derrubamento e pagamento.
f) *Según é un castelanismo e a forma galega estándar é segundo.
g) No olvidedes poñerlle o artigo ao adxectivo dito, dita: *Que dito proxecto... debe ser substituído por Que o dito proxecto...
h) *infraestructuras, *construcción e *estructuras, entre outras palabras, en galego reducen o grupo culto: infraestruturas, construción, estruturas.
i) A locución do castelán *a los efectos en galego é para os efectos.
j) Non vos acordades!, os cargos en galego grafámolos sempre con minúscula: o xefe, o director, o subalterno...
k) *Lei 30/2007 de 30 de outubro de Contratos do Sector Público ten que ser corrixida por Lei 30/2007 do 30 de outubro de contratos do sector público
l) Non esquezades evitar o galicismo formado por un substantivo+a+infinitivo: *contía a reintegrar ou *cantidade a reintegrar deben ser substituídas por contía que hai que reintegrar/que se vai reintegrar, cantidade que hai que reintegrar, que se vai reintegrar...

16/12/08

A EUROPA DAS LINGUAS

Para sabermos cantas linguas se falan en Europa e cantos falantes as empregan habitualmente botarémoslle unha ollada á información recollida no proxecto LOIA do Consello da Cultura Galega: http://www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/loia/mapas.php?idioma=1
Sobre a historia da lingua galega a súa situación actual temos datos na seguinte ligazón:http://www.galego.org/historia1.html
Lembrade que as cuestións relativas ás linguas e á súa proxección na sociedade pertencen ao campo de estudo dunha disciplina (e non *asignatura) denominada sociolingüística. Quen queira afondar algo máis nesta materia que lle bote un ollo á Guía da sociolingüística, sexual, de Séchu Sende http://docs.google.com/View?docid=ddd9gfr3_1f24rbqfb
A QUEN NON QUER CALDO, A CUNCA CHEA!

Esta expresión é unha frase feita que todos coñecemos, pero ¿que podemos facer cando escoitamos fraseoloxía que non empregamos e, polo tanto, non entedemos? ¿como dicimos (e non *decimos) en galego de tal palo tal astilla ou cada palo que aguante su vela?
Pois, témolo fácil se consultamos:
a) as Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego:

12/12/08

AS NOSAS FERRAMENTAS INFORMÁTICAS

Hoxe en día podemos descargar de balde o programa Office 2003 e o OpenOffice en galego; pero, ademais compoñer partituras empregando a nosa lingua, empregar o Linux, aplicacións para Mac, utilizar programas de protección de datos, editar e crear imaxes, xestionar blogs, etc. tamén se pode facer en lingua galega.
Ademais podemos utilizar, de balde, os correctores:
1 Esgal (castelán-galego, francés-galego e catalán- galego): http://www.xunta.es/tradutor-/http://tradutor.xunta.es/dts/
2 OpenTrad (tradución bidireccional castelán-galego e galego-portugués e galego-inglés): http://opentrad.imaxin.com/
E que vai corrixir os nosos textos?
Velaquí unha listaxe de correctores que vos van sacar de máis dun apuro:
1 OrtoGal (corrixe en liña): http://sli.uvigo.es/corrector/

09/12/08

¿IMOS AO CINE?

E agora que empezan a arrefríarse as orellas pola rúa que mellor sitio ca o (ou có) cine para resgardarse. Este Nadal os máis pequenos poderán ver na carteleira A hora dos agasallos, unha historia de animación baixo a dirección de Gorka Sesma que trata sobre o reparto dos agasallos o día de Noiteboa.

08/12/08

MEMORIA... MEMORIA... FAGAMOS MEMORIAS

Neste mes do Nadal, en que remata o ano, as empresas, departamentos, organismos e entidades están a elaborar (ou están elaborando) as súas memorias do ano 2008 ¿como será o balance? ¿cumpriríanse as expectativas?
Imos consultar algunhas para ver como se estruturan:
b) Memoria 2007 de Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela (BUSC): http://busc.usc.es/A_Biblioteca/Documentos_sobre_a_BUSC/memoria2007.pdf
c) Memoria 2007 da Camara de Compostela: http://www.camaracompostela.com/memoria/memoria2007.pdf
Agora xa tedes modelos para elaborar a vosa memoria...

05/12/08

SEGUIMOS CO LÉXICO ÁS VOLTAS

Logo de descargamos o manual de Léxico 2 editado pola Xunta de Galicia, agora podemos consultar o Léxico 1 nesta ligazón: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Lexico1-Galicia.pdf.

29/11/08

AMÁLGAMA LITERARIA-XURÍDICA DA CIDADE DE OURENSE (¡reparade no uso do guión!)

A literatura está moi vencellada á cidade de Ourense (lembrade as reunións dos homes do Cenáculo ourensá) e non podemos perder a oportunidade de citar unha das obras máis destacadas da literatura galega: A Esmorga, da autoría de Eduardo Blanco Amor.

Ademais, establécese un gran vínculo entre a obra e os textos xurídico-administrativos, dado que a obra comeza cun proceso xudicial que se vai prolongar ao longo do texto. Velaquí un anaco para que leades (p./páx. 40):



“[...] A casupa onde vive a Raxada, desque se foi da casa da Monfortina por mor do .pequecho, quedáralle dos pais cunhas leiras darredor, que vendeu cando se puso ó trato. Está máis aló de Mariñamansa, así que eu tiña que saír con noite pra estaré as sete da maña en Ervedelo que é, como vostede me enseña, por onde veñen as obras da carreteira, que eu traballo alí, a par da ponte que están erguendo a todo bulir pra que poida pasar o diputado, que disque vén o mes que vén, co gallo das eleiciós [...]” .
...CONTINÚAN OS VOCABULARIOS

Todos e todas aqueles e aquelas que teñades que manexar vocabulario pertencente aos ámbitos da educación, do urbanismo, da alimentación, das diversas especies e de internet podedes consultar:

-Glosario multilingüe de orientación profesional e escolar: http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/orient-escolar.pdf
-Diccionario de pedagoxía: http://www.edu.xunta.es/diccionarios/p/index.html

-Glosario de urbanismo: http://galego.org/vocabularios/urbanismo.html

-Glosario do viño: http://www.terrasgauda.com/gal/diccionario/dica.html
-Glosario de gastronomia: http://vello.vieiros.com/pacofeixo/glosario.html

-Diccionario multilingüe de especies mariñas: http://www.masmar.com/especies
-Glosario multilingüe de mamíferos e aves:http://www.informatika.bf.uni-lj.si/magus-romance2.html
-Léxico do medio: http://www.linmiter.net/lexique/gal_ambiental.html

-Léxico panlatino de Internet: http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/internet-conxunto.pdf

28/11/08

Nace o VOCABULARIO DE MORFOLOXÍA, ANATOMÍA E CITOLOXÍA VETERINARIA

Antonte presentouse no Campus de Lugo un novo vocabulario que recolle léxico relativo aos animais. Esta en pdf e velaquí a ligazón: http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/morf-veterinaria.pdf

¡A gozar (e non *disfrutar) del!