05/11/12

PALABRAS REMATADAS EN -SE E -ITE/-TE: CRISE, OTITE, GASTROENTERITE...

As palabras cultas procedentes do grego e rematadas en -sis en galego presentan a terminación -se: a análise, a crise, a diocese, a esclerose, a éxtase, a metamorfose, a paréntese, a perífrase, a tese etc. Con todo, non pertencen a este grupo o chasis e o oasis.

Do mesmo xeito, as palabras que no grego tiñan a terminación -itis e -tis teñen en galego a terminación -ite/-te: a apendicite, a bronquite, a diabete, a gastroenterite, a gastrite, a otite etc; pero exclúese desta relación gratis.

Todos os substantivos incluídos nestes dous  grupos teñen xénero feminino e, polo tanto, cómpre lembrar que terminacións en -*i/-*is/-*iti/*-itis ou*-ti/*-tis en palabras de orixe grega en -sis/-itis/-tis son incorrectas en galego: *crisi/*crisis, *otiti/*otitis, *gastroenteriti/*gastroenteritis...

Para non esquecermos isto, velaquí a ligazón ao novo anuncio de Gadis titulado "Sairemos como galegos!", onde se utiliza o substantivo crise coa terminación correcta -se.


Miniatura

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Ola Raquel!!! Como andas? Levo días pensando onde podería atopar un vocabulario xeitoso relativo a eses termos enxebres tan bonitos que hai para falar de comida.
"Recochar", levedar,barolo, etc. É que agora facemos tamén reportaxes de receitas. A ver se lembras algo ou hai algún recurso en rede. Graciñas!!!

signos de puntuación dixo...

Ola Voz en off!
Envíoche ás referencias ao mail, que no comentario non podo introducir as ligazóns.
Un saúdo e a ver cando podemos "relamber o bico" vendo eses programas.