09/11/25

Bitácora en obras e mantemento!

Chegou o momento de darlle unha volta a esta bitácora que leva un par de décadas activa e precisa adaptarse aos novos tempos e actualizarse.

09/05/21

PORQUE, POR QUE OU PORQUÉ?

Esta entrada está destinada a coñecermos os usos de porque, por que e por qué. Para facermos un uso adecuado cómpre saber que:

Porque: pode ser a) unha conxunción causal 'por causa de': Non irei ao espectáculo porque teño moito traballo; b) conxunción final 'para que': Vén a Galicia porque adora nosa paisaxe e cultura e c) conxunción concesiva 'aínda que': Porque ti o digas, non vou levar o paraugas á rúa.  

Por que: pode ser a) a unión da preposición por + pronome relativo que: A ordenanza por que nos rexemos neste concello poden solicitala en versión electrónica; b) preposición por + pronome interrogativo que: Non sei por que non te atopei.

Finalmente, por qué é un substantivo que expresa 'causa, motivo': Gustaríame saber o por qué da túa ausencia.

Agora só nos falta poñer en práctica estas indicacións!

20/02/21

TERMOS ESENCIAIS DE VACINAS

Novamente a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC pon ao noso dispor, en liña, unha relación de 125 rexistros relacionados co ámbito das vacinas baixo o nome Termos esenciais de vacinas, que están aloxados no coñecido bUSCatermos. Esta compilación de voces complementa a publicada hai uns meses baixo o nome Termos esenciais da Covid-19.

Nesta ocasión os 125 rexistros están relacionados co ámbito das vacinas, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización, como se indica na nota explicativa que acompaña a publicación. Amais de cada voz achégase a área ou áreas temáticas na cal se inscribe, os nomes polos que se coñece en galego, español e inglés e, en case todos os casos, ofrécese a definición en galego.

Finalmente, cómpre destacar que a selección do corpus se realizou tendo en conta as Follas de información de vacinas do Servizo Galego de Saúde ademais doutros recursos como Terminologia de les vacunes, Vaccination glossary e Vaccine&Immunization.


28/12/20

TERMOS ESENCIAIS DA COVID-19

O ano 2020, marcado pola pandemia da Covid-19 (si, con xénero feminino), xerou a necesidade de nomear en galego novos conceptos que ata o momento non tiñan denominación. 

Este traballo abordouno Xusto Rodríguez Río dende o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago baixo o título Termos esenciais da Covid-19 . Trátase dunha longa listaxe de case 200 termos, que remiten á ficha correspondente no bUSCatermos, ofrecidos en tres linguas (galego, español e inglés) e inscritos dentro da área sanitaria e epidemiolóxica.

Dende esta bitácora dámoslle os parabéns ao seu autor por un traballo tan necesario nos tempos que corren.


12/01/20

GALICIA NOMEADA: UN PROXECTO DE MICROTOPONIMIA COOPERATIVA 

A riqueza toponímica de Galicia é ben coñecida por todos e por todas, de feito a macrotoponimia (ou toponimia maior) está recollida no Noménclator de Galicia. Con respecto aos microtopónimos (ou topónimos menores), estes son moi abundantes na nosa sociedade e, por desgraza, moitos deles acaban desaparecendo ao existiren unicamente na memoria das persoas de máis idade. Para evitar isto, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puxo en marcha unha interesante ferramenta dixital chamada Galicia Nomeada, que nos permite rexistrar a microtoponimia e divulgala entre toda a sociedade. 

Galicia Nomeada ofrece unha versión para escritorio e unha aplicación para móbiles (Android e iOs) que nos permiten xeoreferenciar os nomes do territorio da contorna elixida e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa pronuncia, lendas asociadas ou descricións, segundo se indica na páxina do proxecto.

Os nomes das leiras, fontes, montes, penedos, regos, camiños, entre outros, funcionaron e, nalgúns casos, aínda seguen funcionando como localizadores xeográficos e forman parte dun patrimonio de gran riqueza que sería unha mágoa que se perdese.



23/12/19

O APÓSTROFO

O apóstrofo é un signo ortográfico que marca a elisión dunha ou máis vogais nunha palabra. É moi frecuente o seu uso en linguas coma o italiano, o francés, o inglés e o catalán; amais, no galego tamén podemos empregar este signo ortográfico nos seguintes casos:

a) Para reproducir tal cal a prosodia do galego oral ou dialectal. Por exemplo, na adiviña: Catro na cama, / catro na lama, / dous parafusos / e un que ll azana.
b) Para os títulos das obras ou cabeceiras de publicacións, só cando o artigo inicial vai precedido das preposicións de ou en: Leuno n A Nosa Terra, Estou estudando os personaxes d Os dous de sempre, pero nunca Quedou durmido *c Os Eoas nas mans.

Cando empregamos os procesadores de texto debemos ter conta e non confundir a tipografía do apóstrofo [’] coa do acento agudo [´], pois son signos diferentes.

21/10/19

RECURSOS PARA ESTUDAR DEREITO EN GALEGO DA MAN DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA USC

Retomamos a actividade desta bitácora presentado unha serie de recursos útiles á hora de traballarmos a linguaxe xurídica e administrativa en galego, ofrecidos polo Servizo de Normalización da Universidade de Santiago de Compostela.

Os materiais ofrécense divididos en catro apartados: formación, lexislación en galego, manuais e vocabulario específico. En concreto, a sección de manuais recolle unidades didácticas elaboradas por profesorado de dereito da propia Universidade de Santiago.

Aqueles e aquelas que traballades acotío nestes ámbitos tedes aquí unha boa páxina de referencia.


20/11/17

GLOSARIO DE TERMOS XURÍDICOS DUBIDOSOS (castelán-galego)

Retomamos de novo as entradas desta bitácora cunha ferramenta que, de seguro, vos ha ser moi útil no desenvolvemento do voso traballo cotiá. Trátase do Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego) da autoría de Martín Ramos Insua, cuxa edición dixital viu a luz no ano 2008 da man do Servizo Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Amais, esta obra lexicográfica tivo a súa versión en papel nun dos números da revista Avogacía Compostelá.

23/05/15

A DIÉRESE

A diérese é un trazo (¨) que se pon sobre o i ou o u para indicar que hai que pronuncialo. Noutras linguas, coma o alemán -por citar un exemplo- é un signo moi frecuente, pero en galego o seu uso limítase aos casos:
a)      En que hai que pronunciar o ü: bilingüe, pingüín, etc.
b)      1a e 2a  Persoa plural dos copretéritos (ou pretéritos imperfectos) dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -oír e -uír: caïamos, caïades, roïamos, roïades, saïamos, saïades, oïamos, oïades, construïamos, construïades, etc. A diérese nas segundas persoas deste tempo verbal serve para desfacer a ambigüidade coas mesmas persoas do presente de subxuntivo e a súa presenza indica ademais que o ï forma unha sílaba independente, a pesar de ser átono: ca-ï-a-mos.

Por exemplo:
Pte. de subxuntivo: caiamos/caiades

Oxalá non caiamos da dorna.
Para facer puenting é preciso que caiades da ponte.

Cpto. de indicativo: caïamos/caïades

Cando andabamos en bicicleta e non existían as beirarrúas caïamos sempre nas cunetas.
Lembrades cando non caïades da burra por máis explicacións que vos deran?

18/11/14

TERMOS ESENCIAIS DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA


Dende a área de terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela chéganos unha nova obra lexicográfica relacionada co ámbito da Administración e descargable en formato .pdf. Trátase dos Termos esenciais de administración electrónica, da autoría de Xusto A. Rodríguez Río, que pon ao noso dispor en galego, español, francés, inglés e catalán un total de 164 entradas (entre completas e remisivas), organizadas en sete campos temáticos: Conceptos xerais; Análise, mellora e simplificación de procesos; Calidade de planificación estratéxica; Infraestruturas tecnolóxicas; Procedemento administrativo e Seguridade e Tramitación electrónica.


Parabéns a Xusto A. Rodríguez Río por compartir connosco esta obra, que a partir de agora terá un oco no noso andel da linguaxe administrativa!

02/11/14

DE ESCRIBÁNS ABURRIDOS E REFERENCIAS ÁS MORTE

Aproveitando o comezo do mes de novembro, que se abre coa celebración do Día de todos os santos e do Samaín, o Arquivo do Reino de Galicia (ARG) deu a coñecer unha serie de sete debuxos ben divertidos pintados polos escribáns encargados da escrita dos documentos sobre os que foron estampados. Todos estes textos son de tipo notarial, concretamente preitos, custodiados no ARG e pertencentes ao fondo documental da Real Audiencia de Galicia (1504-1834). Ningún dos debuxos ten relación co documento notarial ao lado do cal aparece, pero todos ofrecen algún motivo relacionado coa morte, que a pesar de non ter que ver co Samaín, resultan interesantes para coñecermos un pouco as inquendanzas dos nosos antecesores.

Premendo na foto pódese acceder ás imaxes dos outros seis documentos, que o Arquivo do Reino de Galicia pon ao noso dispor.



22/09/14

UNHA CUESTIÓN DE NÚMERO... CAFÉS E REIS


Desta volta imos facer unha pequena reflexión sobre a formación do plural das palabras rematadas en vogal ou ditongo. Estes días puiden ler nun bar un anuncio publicitario exposto na rúa que dicía *cafeses; na mesma semana escoitei un anuncio radiofónico promocionando un coñecido parador compostelá, que falaba do "hostal dos *Reises Católicos". Para evitarmos este tipo de erros lingüísticos, que poden afear a publicidade de calquera establecemento, cómpre recordar que todas as palabras rematadas en vogal (café) ou ditongo (rei) forman, na lingua galega, o plural en -s e nunca en -es. Deste xeito, temos que falar de cafés, sofás, aulas, reis, leis, etc.

Aproveitando esta indicación, recollemos un cadro resumo sobre a formación do plural, que podedes ampliar consultando as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.


CONTEXTOS
FORMACIÓN DO PLURAL
EXEMPLOS
 →  Palabras rematadas en vogal ou ditongo
 engaden –s
 sofá-sofás
 rei-reis
 →  Palabras rematadas en vogal + -n

 engaden –s
 camión-camións
 reunión-reunións
 →  Palabras rematadas en –r ou –z
 engaden -es
 trailer-traileres
 nariz-narices
 →  Palabras agudas rematadas en –s
 engaden -es
 noiés-noieses
 cempés-cempeses
 →  Palabras graves rematadas en –l
 engaden -es
 débil-débiles
 fácil-fáciles
  →  Monosílabos rematados en –l
 engaden -es
 mel-meles
 mal-males
  → Polisílabas agudas rematadas en -l
 engaden -is e
 perden o –l
 cadril-cadrís
 animal-animais
 cruel-crueis
  → Palabras graves ou esdrúxulas rematadas en -s ou graves rematadas en –ns
 mantéñense
 invariables
 o lapis-os lapis
 o luns-os luns
 → Palabras rematadas en -x [ks]
 mantéñense
 invariables
 fax-os fax
 tórax-os tórax

23/03/14

UNHA MIRADA CARA Á HISTORIA: DOCUMENTOS NOTARIAIS DA IDADE MEDIA

Esta bitácora naceu coa finalidade de recoller novas e recursos relacionados coa linguaxe administrativa e xurídica galega e, nesta ocasión, imos botar unha ollada cara ao pasado, en concreto a catro pescudas datadas no século XV.

Moito do vocabulario do ámbito xurídico-administrativo que chegou ata os nosos días está recollido nestes textos, malia parecernos léxico moi actual (é o caso das voces procurador, xa atestada no século XIII, e amostaçón -actualmente amoestación- documentada por primeira vez nun texto de comezos do século XV). A tipoloxía textual moi pouco mudou dende a Idade Media e as fórmulas de inicio e peche de documento tamén se seguen mantendo practicamente intactas na actualidade.

Esta é algunha da información que se ofrece na obra As Encrobas, Noia, Ribadulla e Urdilde. Edición crítica, estudo léxico e onomástico de documentos notariais en galego do século XV, editada pola Deputación da Coruña e da autoría da responsable deste blog, coa finalidade de afondar na lingua galega utilizada polos cidadáns medievais nos documentos notariais. Ademais achégase información dos notarios e escribáns relacionados nos textos, apuntamentos paleográficos relativos á letra precortesá, unha edición crítica das catro pescudas adscritas (por orde cronolóxica) a Ribadulla, Urdilde, Noia e As Encrobas, un estudo do léxico contido nestes documentos, unha análise antroponímica dos individuos que se citan e, finalmente, dous índices: un toponímico e outro dos nomes de persoa.

Velaquí quedan as fotografías dos textos dixitalizados, ás que podedes acceder premendo na imaxe:

07/01/14

O ATLAS MUNDIAL GALEGO ONLINE

Comezamos o ano presentando unha ferramenta ben interesante, o Atlas Mundial Galego Online, que malia ser aínda unha versión provisional pode sacarnos dalgunhas dúbidas que nos vaian xurdindo en canto aos exónimos (é dicir, nomes de lugar expresados nunha lingua diferente á lingua autóctona do dito lugar).


Trátase dun proxecto levado a cabo polo Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG, cuxo obxectivo é a "estandarización dos nomes xeográficos en galego" e a través da súa páxina web pódese: a) facer buscas por topónimos, b) ver os criterios de uso de exónimos en galego, c) consultar os Atlas de países e capitais do mundo, d) consultar nunha versión galega o Glosario de Terminoloxía Toponímica do Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU e e) nun futuro, tamén se ofrecerán as táboas de transcrición ao galego de alfabetos non latinos.

Polo momento, ao desprazármonos polo mapa e clicar, podemos obter de cada exónimo: a) o TOPÓNIMO (a forma proposta para o galego); b) o NOME OFICIAL (o nome oficial en lingua galega); c) OUTROS NOMES (outras formas galegas existentes); d) a ETIMOLOXÍA (orixe da voz); e) o XENTILICIO (o nome dos habitantes dese territorio); f) a CAPITAL (no caso dos países); g) a LINGUA ORIXINAL (a lingua ou linguas faladas no territorio); h) a(s) LINGUA(S) (información sobre a lingua ou linguas, oficiais ou non, faladas no territorio); i) o TOPÓNIMO NOUTRAS LINGUAS (en castelán, portugués, francés, italiano, catalán, inglés e alemán) e j) as NOTAS (de ser preciso, achéganse indicacións históricas, fonéticas, etc. sobre o toponimo estudado).



Parabéns por este traballo e esperamos ansiosamente a versión definitiva! :-)

02/11/13

O VOCABULARIO XURÍDICO-ADMINISTRATIVO GALEGO-CASTELÁN

A pesar de non ser unha obra nova, pois xa foi publicada en 2005, actualizamos a ligazón deste vocabulario da autoría de Xavier Gómez Guinovart e Ánxeles Torres Padín, elaborado no seo do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo e publicado pola Área de Normalización Lingüística da dita universidade. Ademais, lembramos que ofrece a posibilidade de facer buscas dende o castelán para galego e viceversa.

A versión web está a dispor de todos/as os/as internautas.



A versión en .pdf do vocabulario tamén é de consulta gratuíta dende a Área de Normalización Linguística da UVigo .


Convídovos  a consultalo e a poñer en práctica as recomendacións e solucións ofrecidas!

25/09/13

UNHA FERRAMENTA ESTRELA!: O Dicionario de pronuncia da lingua galega

A RAG e o ILG editaron en 2010 o Dicionario de pronuncia da lingua galega, da autoría de Xosé Luís Regueira. Daquela, esta obra recollía a pronuncia de 47.000 voces e hoxe, tres anos despois, contamos cunha nova versión, que ademais do léxico común, permítenos achegarnos ao modelo estándar do galego oral dos nomes propios (persoa, apelidos e topónimos).

Esta ferramenta é interesante por varias cuestións:

a) Conta cunha introdución, que ademais de dar as pautas de uso e elaboración da obra, resulta de utilidade para uso docente á hora de achegar o alumnado (máis avanzado) á fonética.

b) Permite facer buscas ortográficas e fonéticas, esta última posibilidade para usuarios máis especializados. Ademais, ofrece a produción oral das voces para escoitar a súa realización.

c) Ofrece o modelo de pronuncia de topónimos e antropónimos que, de seguro, vai ser de moita axuda tanto para profesionais de diversos ámbitos (por exemplo, dos medios de comunicación) coma para o público xeral, interesado en coñecer a realización fonética dun nome, apelido ou topónimo que descoñece.

d) É de consulta gratuíta.




Animádevos a consultar esta nova versión do Dicionario de pronuncia da lingua galega!

27/06/13

MOI RECOMENDABLE PARA XORNALISTAS!

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo ofrécenos en formato .pdf unha obra titulada Traballo xornalístico na Universidade de Vigo: pautas para un correcto uso da linguaxe que, de seguro, nos vai ser útil á hora de redactarmos e empregarmos a lingua galega oral con corrección.

Trátanse temas relacionados co uso da lingua e da ortografía como son: as maiúsculas e minúsculas, os signos de puntuación, o emprego da letra cursiva, grosa e versaleta; tamén se explican os erros fonéticos e prosódicos máis frecuentes e, finalmente, achégase información sobre toponimia e antroponimia e reflexiónase sobre a tradución destes nomes á lingua galega.


01/05/13

ENTRE TERMOS ECONÓMICOS!

Dende hai un tempo os termos económicos están moi presentes en conversas, tertulias e debates, pero ¿utilízase o léxico correcto e preciso? 

Para que todos e todas poidades utilizar un idioma de calidade no ámbito económico e comercial, velaquí vos quedan estas ligazóns a algúns vocabularios e glosarios que vos poden ser de utilidade:

1 Administración da Seguridade Social (2006): Glosario de termos da Seguridade Social.
2 Cabaleiro Carro, X. (coord.) (2008): Dicionario ilustrado do comercio. [Lugo]: Federación Galega de Comercio.
3 Giménez Fernández, E. L. et alii (2005): Vocabulario de economía. Vigo: Universidade de Vigo-Servizo de Publicacións.
4 Institut Universitari de Lingüística Aplicada (2008): Vocabulario multilingüe de economía -inglés, castelán, catalán, galego, vasco.
5 Pérez Vázquez, L., P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2005): Profesionaliza a túa lingua: económicas e empresariais. A Coruña: Universidade da Coruña. 
6 Recursos galego.org: Vocabulario de comunicación comercial
7 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2007): Termos esenciais de nova economía.
8 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2008): Termos esenciais de contabilidade.
9 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2009): Termos esenciais de matemáticas para a economía e a empresa
10 VV. AA. (2006): Barcelona : Neologismes econòmics en les llengües romàniques a través de la premsa. Rede Panlatina de Terminoloxía / Institut Universitaria de Lingüística Aplicada.

Agora falar de economía é máis fácil, non si?




29/01/13

CASAR... PARA A CASA?

O verán pasado nunhas xornadas realizadas na Serra de Outes sobre a figura do poeta Francisco Añón (1812-1878) inaugurábanse uns paneis expositivos onde se recollía a vida e a obra deste autor. Nun deles chamounos especialmente a atención a algúns dos asistentes a locución verbal casar para a casa, que se empregaba para referirse a Nicolasa, poetisa e irmá de Francisco Añón.
Estes días manexando o Dicionario xurídico galego (2011), do que xa temos falado, atopeime de novo con esta expresión, que vou aproveitar para comentar. A autora desta entrada, Natalia Álvarez Lata, indica que é unha locución adscrita á área de Dereito civil de Galicia e consiste "nunha forma de constitución da compañía familiar galega polo feito de integrarse o novo matrimonio ou parella na vida comunitaria e de traballo do grupo xa constituído" (páx. 179). A miña curiosidade levoume a preguntar entre coñecidos das catro provincias galegas (investigación caseira) para coñecer o uso desta expresión e comprobei que se emprega acotío e está viva no norte de Galicia, pois nas provincias de Pontevedra e Ourense utilízanse outras construcións para explicar isto: "casou e vive na casa", "casaron e viven na casa familiar del/dela" etc.

A pesar da pouca base científica que poida ter esta pequena pescuda, o feito de empregarse a expresión no norte de Galicia, permítenos vinculala á mellora, tipo de herdanza, arraigada á comunidade galega, aínda moi viva en zonas do norte de Galicia.


23/12/12

COMO E CON QUE CONTRAE...  O ARTIGO DOS TOPÓNIMOS!

Nestas datas en que aumentan os desprazamentos polas estradas e a meirande parte de nós vimos e imos dun lugar para outro, cómpre (e non compre 'mercar') lembrar que aqueles topónimos que posúen un artigo (por exemplo: A Bola, A Coruña, A Fonsagrada, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Os Blancos) deben levalo sempre e contrae coas preposicións a, con, de, en e por cando van precedidos por elas. Por ese motivo, debemos empregar:
 
                                                              Os meus avós eran do Concello da Bola
                                                              Veño da Coruña
                                                              Onte estiven paseando pola Fonsagrada
                                                              Quen de vós vive na Estrada?
                                                              Vivín na Pobra do Caramiñal
                                                              A horta do teu consogro linda cos Blancos
 
Unha explicación sobre este tema podedes vela nun dos capítulos do programa Ben falado! titulado Toponimia dos nomes de lugar que teñen artigo (ata o minuto 2:00).