DE PAXES, GARAXES E TRAXES!
Na publicación do colectivo Ronseltz titulada Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994) ofrécese a seguinte composición:
Todo na miña terra é paisaxe
menos traxe, paxe e garaxe.
Estes breves versos vannos axudar a recordar que as palabras que rematan en -axe teñen todas xénero feminino, excepto paxe, garaxe e traxe, cuxo xénero é o masculino. Vexamos os exemplos:
O garaxe está inundado por mor da chuvia
Fixen unha viaxe dende o Courel a Fisterra
No caso de personaxe, utilizarémolo en masculino cando facemos referencia a un substantivo masculino e feminino, cando nos referimos a un substantivo en xénero feminino. De non haber marca de xénero, empregámolo en masculino. Por exemplo:
Sempre pensei que Rosalía de Castro era unha personaxe fascinante
Menudo personaxe está feito ese xogador de baloncesto!
Cantos personaxes hai no mundo!
No caso de salvaxe, lembrade que é un adxectivo e, polo tanto, vai adoptar o xénero masculino ou feminino en función do susbstantivo ao que acompañe. Vexamos:
É un home salvaxe
É unha muller salvaxe
Ben fácil, verdade?