21/11/09

É TEMPO DOS E-BOOK

Disque a estrela deste Nadal van ser os e-books, pero realmente estes novos aparellos serán quen de substituír o libro en papel? Quero pensar que máis ca dunha substitución vaise tratar dunha diferenciación de usos; o máis probable é que as lecturas de pracer se sigan facendo tendo un libro tradicional nas mans e, pola contra, as lecturas de artigos, textos puntuais, descargas de obras se fagan a través do libro electrónico. De todos os xeitos, para os nostálxicos do libro e dos manuscritos, velaquí deixo estas ligazóns da elaboración dun manuscrito medieval con miniaturas e da aparición da imprenta.

Elaboración dun manuscrito en 3D: http://www.fitzmuseum.cam.ac.uk/pharos/images/swf/manuscript/manuscript_5a.html

A imprenta: http://www.youtube.com/watch?v=IPg05uCE608&feature=related

15/11/09

UN TRADUTOR MOI ÚTIL: tradutor automático do Instituto Cervantes

Ás veces a présa pode connosco e precisamos dispoñer dun texto, artigo, páxina web, etc. nunha lingua diferente á lingua na cal está ese escrito. É evidente que ningúen mellor ca un tradutor profesional pode facer este traballo, pero en ocasións cos nosos coñecementos e un pouco de axuda podemos saír do paso.

Quen nos vai axudar? Nesta ocasión ocórreseme que o Tradutor automático do Instituto Cervantes, o cal nos permite traducir páxinas web ou textos dun xeito moi rápido e ofrecéndonos como linguas o catalán, español, francés, galego, inglés e portugués (tamén español-eúscaro), mágoa que non ofreza máis linguas de chegada. Ademais incluso pode ser útil para textos semicientíficos, pero ollo! os resultados das traducións automáticas sempre teñen que ser revisados e ben revisados, que as máquinas (ata o momento) non son persoas e como non teñamos tino podemos dicir cousas ben diferentes das que queremos expresar.

Velaquí queda a ligazón, pero xa sabedes con sentidiño!: http://oesi.cervantes.es/traduccionAutomatica.html