01/05/13

ENTRE TERMOS ECONÓMICOS!

Dende hai un tempo os termos económicos están moi presentes en conversas, tertulias e debates, pero ¿utilízase o léxico correcto e preciso? 

Para que todos e todas poidades utilizar un idioma de calidade no ámbito económico e comercial, velaquí vos quedan estas ligazóns a algúns vocabularios e glosarios que vos poden ser de utilidade:

1 Administración da Seguridade Social (2006): Glosario de termos da Seguridade Social.
2 Cabaleiro Carro, X. (coord.) (2008): Dicionario ilustrado do comercio. [Lugo]: Federación Galega de Comercio.
3 Giménez Fernández, E. L. et alii (2005): Vocabulario de economía. Vigo: Universidade de Vigo-Servizo de Publicacións.
4 Institut Universitari de Lingüística Aplicada (2008): Vocabulario multilingüe de economía -inglés, castelán, catalán, galego, vasco.
5 Pérez Vázquez, L., P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2005): Profesionaliza a túa lingua: económicas e empresariais. A Coruña: Universidade da Coruña. 
6 Recursos galego.org: Vocabulario de comunicación comercial
7 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2007): Termos esenciais de nova economía.
8 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2008): Termos esenciais de contabilidade.
9 Servizo de Normalización Lingüística da USC (2009): Termos esenciais de matemáticas para a economía e a empresa
10 VV. AA. (2006): Barcelona : Neologismes econòmics en les llengües romàniques a través de la premsa. Rede Panlatina de Terminoloxía / Institut Universitaria de Lingüística Aplicada.

Agora falar de economía é máis fácil, non si?




29/01/13

CASAR... PARA A CASA?

O verán pasado nunhas xornadas realizadas na Serra de Outes sobre a figura do poeta Francisco Añón (1812-1878) inaugurábanse uns paneis expositivos onde se recollía a vida e a obra deste autor. Nun deles chamounos especialmente a atención a algúns dos asistentes a locución verbal casar para a casa, que se empregaba para referirse a Nicolasa, poetisa e irmá de Francisco Añón.
Estes días manexando o Dicionario xurídico galego (2011), do que xa temos falado, atopeime de novo con esta expresión, que vou aproveitar para comentar. A autora desta entrada, Natalia Álvarez Lata, indica que é unha locución adscrita á área de Dereito civil de Galicia e consiste "nunha forma de constitución da compañía familiar galega polo feito de integrarse o novo matrimonio ou parella na vida comunitaria e de traballo do grupo xa constituído" (páx. 179). A miña curiosidade levoume a preguntar entre coñecidos das catro provincias galegas (investigación caseira) para coñecer o uso desta expresión e comprobei que se emprega acotío e está viva no norte de Galicia, pois nas provincias de Pontevedra e Ourense utilízanse outras construcións para explicar isto: "casou e vive na casa", "casaron e viven na casa familiar del/dela" etc.

A pesar da pouca base científica que poida ter esta pequena pescuda, o feito de empregarse a expresión no norte de Galicia, permítenos vinculala á mellora, tipo de herdanza, arraigada á comunidade galega, aínda moi viva en zonas do norte de Galicia.


23/12/12

COMO E CON QUE CONTRAE...  O ARTIGO DOS TOPÓNIMOS!

Nestas datas en que aumentan os desprazamentos polas estradas e a meirande parte de nós vimos e imos dun lugar para outro, cómpre (e non compre 'mercar') lembrar que aqueles topónimos que posúen un artigo (por exemplo: A Bola, A Coruña, A Fonsagrada, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Os Blancos) deben levalo sempre e contrae coas preposicións a, con, de, en e por cando van precedidos por elas. Por ese motivo, debemos empregar:
 
                                                              Os meus avós eran do Concello da Bola
                                                              Veño da Coruña
                                                              Onte estiven paseando pola Fonsagrada
                                                              Quen de vós vive na Estrada?
                                                              Vivín na Pobra do Caramiñal
                                                              A horta do teu consogro linda cos Blancos
 
Unha explicación sobre este tema podedes vela nun dos capítulos do programa Ben falado! titulado Toponimia dos nomes de lugar que teñen artigo (ata o minuto 2:00).



05/11/12

PALABRAS REMATADAS EN -SE E -ITE/-TE: CRISE, OTITE, GASTROENTERITE...

As palabras cultas procedentes do grego e rematadas en -sis en galego presentan a terminación -se: a análise, a crise, a diocese, a esclerose, a éxtase, a metamorfose, a paréntese, a perífrase, a tese etc. Con todo, non pertencen a este grupo o chasis e o oasis.

Do mesmo xeito, as palabras que no grego tiñan a terminación -itis e -tis teñen en galego a terminación -ite/-te: a apendicite, a bronquite, a diabete, a gastroenterite, a gastrite, a otite etc; pero exclúese desta relación gratis.

Todos os substantivos incluídos nestes dous  grupos teñen xénero feminino e, polo tanto, cómpre lembrar que terminacións en -*i/-*is/-*iti/*-itis ou*-ti/*-tis en palabras de orixe grega en -sis/-itis/-tis son incorrectas en galego: *crisi/*crisis, *otiti/*otitis, *gastroenteriti/*gastroenteritis...

Para non esquecermos isto, velaquí a ligazón ao novo anuncio de Gadis titulado "Sairemos como galegos!", onde se utiliza o substantivo crise coa terminación correcta -se.


14/10/12

SOBRE MANUAIS DE ESTILO

Dende hai algún tempo quería dedicar unha entrada do blog a dous manuais de estilo. Un deles é o Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais (2012) que recolle as pautas de estilo lingüístico que deben seguir os textos administrativos redactados e/ou traducidos non só para o DOG, senón tamén para outras publicacións procedentes da Xunta de Galicia. O outro, de 2007, é o Libro de estilo do Concello de Santiago, que xurdiu para dar resposta ás dúbidas cotiás coas que se atopan os traballadores desde concello e buscar un uso da lingua galega correcto e de calidade na súa documentación. Ademais, a campaña Saborea o galego! levada a cabo polo concello puxo á disposición de todos os interesados uns modelos de documentos administrativos e algúns xurídicos que se poden descargar en formato .pdf.

Lembrade que nun manual deste tipo a ortografía e  a gramática trátanse parcialmente e préstaselle especial atención a outras cuestións propias dos documentos administrativos e xurídicos como: os tratamentos protocolarios, o uso das maiúsculas e minúsculas, a escrita dos números, a toponimia, as locucións propias do ámbito, as construcións sintácticas e morfolóxicas cuxo uso presenta máis erros, as abreviaturas, siglas etc.

Quen se anima a saborear estas recomendacións?

01/10/12

O bUSCatermos AO NOSO DISPOR!

Dende hoxe o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela pon ao noso dispor o bUSCatermos, unha ferramenta informática que nos permite consultar en liña unha base de datos de terminoloxía multilingüe. Este repertorio, a pesar de estar centrado nas voces en galego, tamén recolle léxico en castelán, inglés, francés, catalán, italiano e alemán. 

Esta ferramenta resulta de grande utilidade dado que está en continua actualización e nela recóllense vocabularios e léxicos elaborados polo Servizo de Normalización da USC ou por outros colectivos ou persoas e tamén termos que se foron acuñando ao longo dos anos coas consultas puntuais dirixidas ao dito servizo de normalización.

No relativo ás áreas temáticas, están recollidas as matemáticas, ciencias físicas e do espazo, ciencias da terra, bioloxía, ciencias da saúde e veterinaria, agricultura, silvicultura e gandería, industria, vida doméstica, transportes e telecomunicacións, dereito e administración pública, economía, empresa e comercio, política, socioloxía e antropoloxía, demografía, xeografía e historia, filosofía e relixión, psicoloxía e educación, filoloxía, ciencias da documentación e a comunicación, belas artes, deporte e lecer e lingua xeral.

Conta cunha aplicación de balde para dispositivos de iOS e de Android.

Xa nos podemos poñer a buscar!


25/09/12

DÁMOSLLE A BENVIDA A DOUS NOVOS VOCABULARIOS!

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago acaba de editar dous novos repertorios lexicográficos que se poden consultar e descargar en formato .pdf.

a) Vocabulario forestal: galego-español-inglés, coordinado por Xusto Rodríguez Río. Conta con 2.447 termos presentados coa súa categoría gramatical, área ou áreas á que se adscriben, a forma en español e en inglés e, en ocasións, unha nota aclaratoria. Ao final da obra ofrécese unha listaxe das voces nas diferentes linguas.

b) Termos esenciais de dereito internacional (galego-español-inglés), tamén coordinado por Xusto Rodríguez Río. Recolle 771 voces encabezadas pola forma galega e seguidas dos índices en español e inglés.

15/07/12

BANDA DESEÑADA: CASTELAO. O POBRE TOLO

No mes de maio Inacio e Iván Méndez publicaban o álbum Castelao. O pobre tolo, coeditado pola Librería Komic e Demo Editorial. A banda deseñada céntrase no desterro de Castelao en Badaxoz e é o segundo dun proxecto que pretende publicar 8 números centrados na vida do intelectual antes e despois da Guerra civil.
A obra preséntanos a un Castelao en Badaxoz que convive con outros galegos que sofren por estaren lonxe da súa terra e nunha das súas viaxes a Portugal merca a obra de Teixeira de Pascoaes titulada O pobre tolo, que dá título a este álbum. A través da banda deseñada achégasenos a biografía do autor en terras castelás chea de referencias literarias e culturais que amosan o bo traballo de documentación que hai detrás. De feito, paréceme un libro moi interesante para achegarlle aos rapaces, tanto de Primaria coma de Secundaria, a biografía e a obra deste autor.

Parabéns aos seus creadores e quedamos á espera das próximas edicións!



06/05/12

O DICIONARIO XURÍDICO GALEGO

A finais de decembro de 2011 presentábase o esperado Dicionario xurídico galego como unha ferramenta de interese para todos aqueles e aquelas que desenvolven o seu traballo no ámbito xurídico e administrativo. Esta obra, dirixida polos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro, recolle ao redor de 2.000 entradas pertencentes a diferentes áreas do dereito (civil, mercantil, notarial, tributario...) que se foron elaborando ao longo de catro anos a través dunha plataforma en rede.

Logo da entrada de dicionario ofrécesenos a categoría gramatical da voz, a súa definición e unhas indicacións (en ocasións, case enciclopédicas) do estado do dito concepto na lexislación. A continuación, cando é pertinente, fanse entradas remisivas e recóllense os sinónimos correspondentes, a forma equivalente do castelán e mais o nome de quen elaborou a voz.

Actualmente os empregados públicos da Administración xeral, Administración de xustiza, Administración local e Servizo Galego de Saúde teñen acceso a el dende o enderezo: http://dicionarioxuridico.xerais.es.
Animádevos a consultalo e a facer un uso correcto da lingua administrastiva e xurídica galega nos vosos documentos!



22/04/12

UN AGASALLO PARA O 23 DE ABRIL... DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Para todos aqueles e aquelas que vos queirades achegar a un texto en galego ben escrito e cunha extraordinaria riqueza léxica, boa técnica narrativa e novela histórica excepcionalmente documentada, velaquí vos queda o comezo do segundo capítulo (páxs. 28-29) da obra Settecento de Marcos Calveiro. Foi publicada pola editorial Xerais en febreiro de 2010, pero onte volveu caer nas miñas mans e creo que é unha boa elección para comezar a semana e celebrarmos o día do libro viaxando á Venecia corrupta do século XVIII pola que transita un Antonio Vivaldi e outros personaxes cuxa intriga nos trasladará a Santiago de Compostela, París e Viena.
II
"Venecia é unha festa. Baixo as brancas máscaras do Entroido, baixo os seus xeados sorrisos de albaialde, non hai vicio nin virtude, nin nobres nin vasalos, nin Demo nin Deus, nin regras nin leis, nin ofensa nin ofendido, nin ricos nin pobres, nin pecado nin penitencia, nin homes nin mulleres, nin crime nin castigo.
Baixo as augas toldadas dos canais, a cidade dos Dogos afúndese, silandeira e decadente, entre os risos e as chanzas das sombras licenciosas que, baixo antefaces, carrapuchas de seda negra, tabardos  e tricornes, escapulen polos campos e calellas na procura dun discreto agocho para os seus apaixonados e, nalgúns casos, prohibidos galanteos.
De pé, os gondoleiros arrolan, coa barcarola das súas compasadas vogas, o romántico paseo dos enmarcarados mecosos, mentres se retan, uns a outros, en amigables retesías e regueifas. Cando un deles cae derrotado perante a facundia dun compañeiro, os demais, para recoñeceren a elocuencia do vencedor, baten coas súas pértegas de faia na tona da auga e zarrapican aos seus acendidos pasaxeiros, que agradecen esta foula inesperada, pois senten os seus corpos inchados polo arreguizo de desexo que os percorre nesta noite estrelada do ano do Noso Señor de 1739.
O Preste Roxo, como todos alcuman ao mestre Vivaldi na cidade, tamén sente o seu corpo inchado, mais polo seu nerviosismo ante a próxima estrea. Feito un bulebule e coa resaca baténdolle nas tempas, alacanca pola platea do teatro de Sant' Angelo, onde dirixe os ensaios da súa nova ópera, Feraspe [...]."

Aproveitaremos este texto para recordar a alternancia vocálica que presenta o presente de indicativo dos verbos que se conxugan seguindo o tipo SENTIR. Vexamos: eu sinto-ti sentes-el/ela/vostede sente-nós sentimos-vós sentides-eles/elas/vostedes senten. Agora só temos que lembrar que os verbos MENTIR, FERIR, SEGUIR, SERVIR e os seus derivados (por exemplo, MALFERIR, CONSEGUIR...) conxúganse seguindo este modelo: Ti nunca consegues o que queres, Ela segue todas as series policiais da CRTVG etc.

Amais, quen queira escoitar unha selección de música escollida polo autor para ambientar a lectura pode facelo a través dunha entrada ofrecida polo Consello da Cultura Galega.



Gozade/desfrutade do libro, pois a RAG permítenos empregar os dous verbos pero dándolle prioridade ao primeiro!

11/11/11

POR DEREITO!... TERMOS DE DEREITO PENAL E CONSTITUCIONAL


Recentemente o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de sacar á luz dous vocabularios: un de termos de dereito penal e outro, de constitucional.

Trátase de dous repertorios lexicográficos bilingües (galego-castelán), cuxo índice nos permite facer buscas inversas (de castelán a galego). Podemos descargarlos dende:

a) Termos esenciais de dereito penal. Conta con 858 entradas e ten en contas as modificacións introducidas o 22 de xuño de 2010. Foi elaborado por Miguel Abal (profesor de Dereito penal da USC) e Xusto A. Rodríguez Río (responsable da Área de terminoloxía do SNL da universidade compostelá -ollo! compostelán vs. compostelá).

b) Termos esenciais de dereito constitucional. Conta con 788 entradas e é da autoría de Begoña López Portas (profesora na USC) e foi coordinado por Xusto A. Rodríguez Río.



De seguro que nos serán de moita utilidade!

05/06/11

VERBOS CON ALTERNANCIA (capítulo I): ela segue ou ela *sigue?


A lingua galega posúe unha serie de verbos que presentan alternacia vocálica no Presente de indicativo. Vexamos como se conxuga o Presente de indicativo do verbo seguir: eu sigo, ti segues, el/ela/vostede segue, nós seguimos, vós seguides, eles/elas/vostedes seguen. Con todo, para algúns falantes esta conxugación, presente no galego estándar, convive con outra que presenta un predominio da vogal -i- (por exemplo, ti *sigues, el/ela/vostede *sigue... eles/elas/vostedes *siguen), da cal debemos fuxir cando queiramos empregar a lingua con corrección.


Do mesmo xeito que se conxuga o Presente de indicativo de seguir, tamén se conxugan outros catro verbos máis, que son: mentir, ferir, sentir e servir (e por suposto, os seus derivados: malferir, consentir...). Polo tanto, temos que conxugar: eu minto, ti mentes, el/ela/vostede mente, nós mentimos, vós mentides, eles/elas/vostedes menten; eu firo, ti feres, el/ela/vostede fere, nós ferimos, vós ferides, eles/elas/vostedes feren; eu sinto, ti sentes, el/ela/vostede sente, nós sentimos, vós sentides, eles/elas/vostedes senten; e eu sirvo, ti serves, el/ela/vostede serve, nós servimos, vós servides, eles/elas/vostedes serven.


Ollo! porque o Imperativo é: sigue ti, seguide vós; minte ti, mentide vós; fire ti, feride vós; sinte ti, sentide vós e sirve ti, servide vós. Leva precisamente a vogal -i- para distinguirse da segunda persoa singular do Presente de indicativo.


Habemos seguir estudando outros verbos que presentan alternancia vocálica!





UNHA NOVA FERRAMENTA... o GALEGOBOOK


Esta semana os medios de comunicación recollían o nacemento dun novo proxecto que compila máis dun cento de libros en galego en soporte electrónico e de diversas temáticas: sociolingüística, terminoloxía, dialectoloxía... O Galegobook. Este proxecto, sen ánimo de lucro, a pesar de estar aínda en construción, pretende ser un espazo en que compartir e intercambiar impresións sobre os libros, aos cales se pode acceder comodamente consultando o seu índice de autores ou de obras.


Neste caso, e dado que este blog está orientado ao estudo da linguaxe administrativa (e xurídica) galega, indicaremos algunhas obras, recollidas no Galegobook, que vos poden ser útiles para o desenvolvemento do voso traballo:


a) (Breve) manual de estilo universitario, da autoría de Manuel Bermúdez. Dun xeito claro e resumido recolle información relativa aos signos de puntuación, ao deseño do documento, dá pautas sobre como conseguir que a escritura sexa fluída e, finalmente, achega unha bibliografía útil.

b) Libro de estilo do Concello de Santiago, elaborado polo Departamento de lingua do dito concello, recolle apuntamentos gramaticais, ortográficos, sintácticos, notas relativas ao estilo e tamén propostas de modelos de documentos frecuentes na Administración local, que poden ser moi aproveitables para mellorarmos a nosa lingua.

c) Manual de estilo do Concello de Tomiño, elaborado por José Luís Iglesias. Contén apuntamentos ortográficos, gramaticais e sintácticos.

d) Abreviaturas, siglas, símbolos e léxico, obra de Manuel Bermúdez. Nunhas poucas páxinas podemos atopar recollidas as abreviaturas, siglas, acrónimos, símbolos xunto cunha listaxe de palabras e expresións dubidosas.


e) Breve guía para unha linguaxe non sexista, da autoría da área de Igualdade da Universidade de Vigo. En 12 páxinas dáse indicacións de como utilizar unha lingua o menos sexista posible: utilizando os colectivos, os dous xéneros, etc.

f) Recomendacións para unha linguaxe non discriminatoria na administración pública, elaborado polo Servizo de Igualdade da Xunta de Galicia.



h) Criterios para o uso da lingua e Sobre a calidade da nosa lingua, obras coordinadas por Goretti Sanmartín Rei que ofrecen criterios linguísticos e normas de estilo para os escritos procedentes da Universidade da Coruña. Son dous libros moi recomendables.


j) Curso de linguaxe administrativa, coordinado por Manuel Rico. É o texto que se manexa nos cursos de linguaxe administrativa.


k) Manual básico de documentación administrativa, coordinado por Manuel Rico e moi utilizado nos cursos de Linguaxe administrativa ofertados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

l) Manual de documentos administrativos, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, achega modelos de documentos.

m) Manual básico de documentación administrativa e xurídica, coordinado por Xoán Rivas é de interese xa que achega modelos de documentos xurídicos.


n) Termos esenciais de dereito constitucional (galego-castelán), elaborado por Begoña López e Xusto Rodríguez.

ñ) Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego), elaborado por Martín Ramos Ínsua. A pesar da súa brevidade, é moi útil.

Parabéns pola iniciativa e esperamos que o Galegobook siga sumando libros!


01/05/11

UN AGASALLO... PARA CELEBRARMOS O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

Aínda que un pouco tarde, disque (e non *dis que) máis vale tarde que nunca...


Nesta ocasión caeu nas miñas mans un clásico da literatura italiana, a tradución ao galego de Seda, de Alessandro Baricco, publicada pola editorial Rinoceronte no ano 2006, a cal nos vai servir para falar de dous xentilicios moi presentes na vida cotía e que ás veces se utilizan incorrectamente. Transcribo un capítulo:


"Hervé Joncour partiu cara ao Xapón a principios de outubro. Cruzou a fronteira francesa preto de Metz, atravesou as rexións de Württemberg e Baviera, entrou en Austria, foi en tren a Viena e a Budapest para acto seguido proseguir ata Kiev. Percorreu a cabalo dous mil quilómetros de estepa rusa, atravesou os Urais, entrou en Siberia, viaxou durante corenta días ata chegar ao lago Baikal, que a xente do lugar chamaba "o derradeiro". Bordeou o río Amur, costeando a fronteira chinesa ata o océano, e cando chegou ao océano ficou no porto de Sabirk dez días, ata que un barco de contrabandistas holandeses o levou a Cabo Teraya, na costa oeste do Xapón. O que atopou foi un país en desordenada espera dunha guerra que non daba estoupado. Viaxou durante días sen ter que facer uso da habitual prudencia, posto que parecía que o mapa dos poderes e as redes de control se disolveran ao seu redor ante a inminencia dunha explosión que as ía redeseñar totalmente. En Shirakawa, atopouse co home que o debía levar onda Hare Kei. Ao cabo de dous días a cabalo enxergaron a vila. Hervé Joncour continuou a pé para que a nova da súa chegada á aldea puidese chegar antes ca el."


a) Debemos ter en conta que o xentilicio (ou nome das persoas que habitan nun lugar) do Xapón é xaponés para o xénero masculino e xaponesa para o feminino. Pero, tamén podemos utilizar nipón, nipoa (ollo! non *nipona). Por ex. Esa xaponesa/nipoa fala moi ben o galego.


b) No caso dun habitante da China, falamos de chinés e chinesa, formas que funcionan ben como adxectivos (por ex. Gústame a comida chinesa) ben como substantivos (por ex. Ese home é chinés). Cómpre lembrar que chinés tamén é o nome que se lle dá a cada unha das linguas faladas na China (por. ex. Hei aprender chinés mandarín). A forma chino resérvase para referirse ao porco, quino, cocho, marrán...

Rematamos desexándolle unha rápida recuperación ao país nipón!


11/04/11

O BARBEIRO SANGRADOR DE ALLARIZ
No Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) custódiase un documento ben curioso que quero compartir con todos e todas vós. O texto é unha carta de licenza (ollo! non *licencia), datada en 1591, na cal se lle concede o título de barbeiro flebotomiano a un veciño de Allariz chamado Juan Castro.

O documento ao que no referimos está redactado en castelán, pero recollémolo aquí polo peculiar que resulta; ademais así recordamos como a lingua galega, de máximo esplendor durante a Idade Media, a fins desta época foi perdendo relevancia e paulatinamente sería substituída polo castelán na documentación pública e privada da época. Dito isto, no manuscrito, do cal imos ofrecer unha imaxe, recóllese o título de barbeiro flebotomiano (é dicir, coa autorización para ser sangrador) de Juan Castro, quen tivo que ir examinarse a Madrid para poder exercer a súa profesión na vila allaricense. Pero a día de hoxe relacionar o traballo de barbeiro coa de sangrador non ten moito sentido, con todo si o tivo a partir do medievo e ata ben entrada a Idade Moderna, dado que estes profesionais da coitela encargábanse tamén da extracción de moas e do sangue a través de samesugas e ventosas, nunha época na cal a evacuación do sangue do corpo considerábase que tiña fins terapéuticos.


Como se pode observar, o texto leva unha orla vermella (ollo! non *roxa), que simboliza a cor do sangue.

Para a elaboración desta entrada servinme dunha publicación periódica do AHPOu, chamada Fronda. Voandeira de Arquivo Histórico Provincial de Ourense, en concreto, ao número 18 (setembro-outubro 2008), motivo polo que quero agradecer ao persoal da dita institución a súa amabilidade e desexarlle unha longa vida a esta pequena, pero interesante publicación.

05/04/11

A PARES...
Nesta ocasión imos (ollo! vamos é imperativo) falar das denominacións que lles damos en galego aos dous nenos/as que nacen nun mesmo parto, xa que ás veces utilízanse formas incorrectas. A priori, empregamos a voz xemelgos, pero para ser máis exactos debemos ter en conta:

a) Se proceden dun único óvulo, que denominaremos, tecnicamente, xemelgos monocigóticos, uniovulares ou monoovulares. Neste caso normalmente utilizamos a forma xemelgos.

b) Se proveñen da fertilización de dous, tres ou máis óvulos. De ser así, podemos estar ante xemelgos bicigóticos ou biovulares, denominados acotío co castelanismo *mellizos; pois ben, é preciso lembrar que neste caso temos que botar man da denominación falsos/as xemelgos ou utilizar as palabras técnicas anteriormente citadas. Ademais, cando facemos referencia a máis de dous rapaces ou rapazas, debemos utilizar as denominacións trixemelgos, cuadrixemelgos...

Quen queira (e nunca *quenqueira) afondar algo máis sobre o tema pode consultar o Dicionario galego de termos médicos (http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/diccmedico.pdf) ou o Vocabulario de medicina galego-español-inglés-portugués (http://www.usc.es/snl/term/Vocabularios/medicina.pdf).

Aínda que non esteamos moi afeitos a falar de falsos xemelgos, hai outras linguas, como o portugués, que utilizan con total normalidade falsos gêmeos.

Velaquí as falsas xemelgas ou xemelgas bicigóticas Icía e Carmela, ás que vai dedicada esta entrada!


18/01/11

UNHA RECEITA MEDIEVAL PARA CURAR O CÓLERA

Sabemos que o cólera (con xénero masculino) é unha enfermidade de orixe asiática que debemos diferenciar da cólera (con xénero feminino), que fai referencia a un gran enfado. Precisamente para combater esta enfermidade no ano 1467 un documento custodiado na Catedral de Ourense recolle a seguinte receita que transcribo a continuación tal cal foi publicada no BRAG:

Receita contra o cólera

Tomen doce ou quince graos de loureiro secos e sean bien molidos et cercenidos et uueltos con una onza de agua rrosada et outro tanto de vinagre branco et vuelvan con ello doce ou quince gotas de leche de figuera, et si la leche non podieren aver tomen en su lugar dous ou tres leños de la figuera cortados non moy menudos et mezando todo con un palo de figuera, et denlo todo a beber colado al paciente dentro de las seis horas que le diese e cubranlo bien, et si sudare guardente la sudor, et con la gracia de nuestro Señor que el mundo de nada crió será libre et sano el que esto ficiere, enpero se fuero moço de poca edade o hombre que esto ficiere, enpero se fuero moço de poca edade o hombre de poca complesión denle la metad o las dos partes desti.

Como podemos ver, trátase dun documento escrito en galego e en castelán, cousa esperable se pensamos que a partir do séc. XV a lingua galega irá desaparecendo paulatinamente dos textos, tanto en prosa coma en verso.



23/05/10

UNHA NOVA FERRAMENTA: O Manual de documentación administrativa e xurídica

Dende hai aproximadamente un mes, todos aqueles e aqueles que traballades no ámbito administrativo e xurídico tedes á vosa disposición o Manual de documentación administrativa e xurídica, publicado pola Secretaria Xeral e pola EGAP, que se pode descargar en .pdf dende http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/manualxuridico2010.pdf.
O interese desta obra débese a que recolle modelos de documentos xurídicos e actualiza os tipos de textos administrativos publicados na obra Manual de documentos administrativos.
Botádelle un ollo que de seguro vos será útil!

25/04/10

UNHA INVITACIÓN...

O Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ourense convídanos a todos e a todas a asistir, de balde, ao 2º Foro da Lingua. Este ano o foro está centrado nas actividades de expresión oral e para quen estea interesado, velaquí copio o programa:
Martes 27/04, ás 20.30: Pinto de Herbón e Josiño do Viso preséntannos as súas Regueifas.

Mércores 12/05, ás 20.00: Posta en escena da obra de teatro “O achado do castro” de M. Núñez Singala, polo grupo de teatro Marañao.

Xoves 13/05, ás 18.30: Carlos Rafael actuará como contacontos.


Espero que participedes!

07/01/10

BENVIDO 2010!

Sempre que comeza un novo ano non podo evitar recordar cun riso unha carta de felicitación que hai uns cantos anos tiven que corrixir (*correxir). O dito escrito empezaba do seguinte xeito: "Este recén nacido ano..." e ata aquí podo ler (*leer).

A propósito disto, aproveitaremos para recordar que a frase recén nacido/a, utilizada frecuentemente para referirse aos seres vivos, considérase un castelanismo en galego. Pero ¿que outras maneiras temos para expresala? Na lingua cotiá normalmente utilizamos "acabado/a de nacer". Por exemplo: A túa curmá acaba de nacer/é unha nena acabada de nacer. Con todo, en contextos máis cultos utilízase "neonato/a": Cando chegues ao hospital busca a sala de neonatos.


Tamén cómpre ter en conta que cando escribimos unha data completa debemos utilizar a preposición de precedendo ao mes e ao ano: Vigo, 7 de xaneiro de 2010. Ollo! empregar aquí a preposición do é un erro (*do 2010).