23/03/11

FALEMOS... DE VERBOS E PRONOMES
"Queríades un Vigo fermoso e humanizado. E o fixéchedes"... Este é o texto que podemos ler en varios carteis espallados por toda a cidade de Vigo. Neste caso voume servir dos erros que presentan os ditos carteis para explicar e recordarvos a todos e todas algunhas cuestións sobre os verbos e a colocación do pronome.

a) VERBOS

No relativo aos verbos, non podemos esquecer que o Pretérito Imperfecto (tamén chamado Copretérito) presenta na 1ª persoa plural, é dicir queriamos (por exemplo: Queriamos un iPad para a oficina), e na 2º persoa plural, queriades (por exemplo: Queriades un iPad para a oficina), acentuación grave (tamén chamada paroxítona). Polo tanto, o paradigma é: eu quería, ti querías, el/ela/vostede quería, nós queriamos, vós queriades, eles/elas/vostedes querían.


Recordade que o Pretérito Perfecto (tamén chamado Pretérito de Indicativo) do verbo facer é: eu fixen, ti fixeches, el/ela/vostede fixo, nós fixemos, vós fixestes, eles/elas/vostedes fixeron. A 2ª persoa plural presenta como variante marioritaria -stes que é a solución elixida pola lingua estándar, pero dialectalmente, ou en certas zonas de Galicia, existen tamén as terminacións -*stedes (fixéstedes) e -*chedes (fixéchedes).

b) PRONOMES O pronome átono na lingua galega, en principio, sitúase despois do verbo (por exemplo: Chámome Moraima), pero hai certas partículas que obrigan á súa anteposición (por exemplo: Quen me colleu o lapis?). Velaquí, de xeito moi resumido, os casos en que o pronome debe colocarse antes do verbo: a) Nos enunciados negativos: Non o coñezo... b) Nas oracións interrogativas ou exclamativas introducidas por unha partícula (que, quen, cales, como, cando, onde…): Quen o dixo? Canto che deu!... c) Con algúns adverbios (aínda, alí, aquí, ata, ben, case, cedo, igual, incluso, mellor, mesmo, quizais, si, tamén, tarde, velaquí, xa etc.) e indefinidos (abondo, algo, alguén, ambos, calquera, nada, ninguén, nada, todos etc.) situados ao inicio da oración: Velaquí vos envío este arquivo, Ninguén me dixo nada… Outros adverbios e loc. adverbiais situados ao comezo da oración non obrigan á anteposición do pronome (hoxe, onte, mañá, pasadomañá, antano, hoxe en día, antes, daquela, entón, seguido, deseguido, ás veces, aos poucos, a miúdo, arriba, debaixo, adiante, detrás, lonxe, preto etc.): Mañá sabereino, Ás veces paréceste ao teu avó... Ademais, dependendo do significado, hai adverbios que obrigan ou non á anteposición do pronome: Logo (‘axiña’) me chamas por teléfono / Logo (‘despois’) chámasme por teléfono... d) As oracións subordinadas: Se o sabes, dimo canto antes... e) Nas perífrases verbais hai unha certa flexibilidade á hora de colocar o pronome; ben pode acompañar ao verbo auxiliar ben ao auxiliado: Quérelo ter, Queres lelo...


Finalmente, temos que recordar que en certos contextos enfáticos o pronome pode preceder ao verbo: O demo te coma! Explicado isto, os carteis que están colgados na cidade olívica deberían dicir: "Queriades un Vigo fermoso e humanizado. E fixéstelo".

Só espero que estes erros non se volvan repetir nun documento de tanta relevancia como é un cartel!

4 comentarios:

Voz en off dixo...

Moi axeitado nestas datas, preelectorais e de preoposicións.

Anónimo dixo...

Lembras anos atrás doutro slogan en idéntica circunstancia?

"Porque trátase de Vigo"

Non aprenden!

Voz en off dixo...

Todos temos moito que aprender de galego, pero os que traballan na "cousa pública" moito máis.

signos de puntuación dixo...

Concordo totalmente convosco, ninguén nace aprendido, pero hai que poñer un pouco de esforzo para expresarnos e utilizar a lingua o mellor posible.